Barbadás celebrará este sábado a cuarta edición do Paseo Literario “O Piñor de Carmen Martín Gaite”

OurenseXa
A actividade incluirá a inauguración da sinalización definitiva da ruta e dunha mostra sobre a infancia e adolescencia da escritora en Piñor
presentacion-paseo-liteario-piñor
3 Jul 2026

O Concello de Barbadás celebrará este sábado a cuarta edición do Paseo Literario “O Piñor de Carmen Martín Gaite”, unha iniciativa cultural que co paso dos anos se foi consolidando no municipio e que reúne a veciñanza, visitantes e persoas interesadas na obra e na traxectoria da escritora.

A programación desta edición incluirá ademais varias novidades, entre elas a inauguración da sinalización permanente do percorrido, a incorporación dunha ruta GPS e a apertura dunha exposición estable dedicada á autora no local social de Piñor.

Durante a presentación da actividade, o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, destacou que “esta iniciativa representa moi ben o compromiso do Concello coa cultura, coa nosa identidade e coa posta en valor do noso patrimonio”.

A mostra permanente, titulada “As palabras postas en fila. O álbum da infancia de Carmiña en Piñor”, está comisariada polo xornalista Luis Congil e reúne fotografías familiares da infancia e adolescencia de Carmen Martín Gaite no núcleo de Piñor, acompañadas de información, documentos e entrevistas coa escritora.

Segundo explicou o rexedor, o traballo realizado permitiu recuperar tamén parte da memoria colectiva do municipio. “Luis fixo un extraordinario traballo de recuperación de fotografías co que recuperamos tamén unha parte da nosa memoria colectiva e achegamos unha nova versión das raíces galegas, moitas veces olvidadas, de Martín Gaite”, sinalou.

O alcalde destacou ademais que esta nova exposición supón un paso máis na posta en valor do patrimonio local, ao converter unha actividade puntual nun espazo estable que poderá visitarse ao longo de todo o ano.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, José Manuel Morgade, puxo en valor o traballo desenvolvido por Luis Congil e tamén por David G. Couso, encargado de guiar a ruta literaria. O investigador centrou a súa tese doutoral na figura de Carmen Martín Gaite e na relación da autora con Piñor e coa súa influencia na obra literaria.

“Realizaremos un paseo curto no que iremos falando da relación de Carmen Martín Gaite con Piñor e iremos vendo as referencias a persoas e lugares de Trimonte, o nome literario que lle deu, nas súas novelas”, explicou David G. Couso.

O roteiro dará comezo este sábado, 4 de xullo, ás 9.45 horas no local social de Piñor. Ao remate do percorrido, os asistentes regresarán ao mesmo espazo, onde Luis Congil ofrecerá explicacións sobre a exposición permanente.

Segundo destacou o xornalista, a mostra permitirá ao público achegarse aos anos de infancia e adolescencia da autora e ao papel que Piñor desempeñou na súa traxectoria persoal e literaria. “Piñor significaba para ela a esencia da infancia e da liberdade, e esas historias foron cristalizando en tres novelas que están ambientadas aquí”, explicou.

A programación concluirá cun encontro arredor duns petiscos no Bar O Regueiro. Tal e como apuntou José Manuel Morgade, “a cultura tamén é encontro, convivencia e comunidade”.

0.12427186965942