Barbadás celebrará o 4 de xullo o IV Paseo Literario “O Piñor de Carmen Martín Gaite”

OurenseXa
A actividade combinará un percorrido literario e unha mostra fotográfica dedicada á escritora, centrada na súa vinculación coa contorna de San Lourenzo de Piñor
paseo-literario-piñor-carmen-martin-gaite
29 Jun 2026

O Concello de Barbadás celebrará o vindeiro 4 de xullo a cuarta edición do Paseo Literario “O Piñor de Carmen Martín Gaite” e inaugurará unha exposición fotográfica centrada na infancia da escritora.

As iniciativas contan coa mentoría de David González Couso, estudoso da vida e obra de Carmen Martín Gaite, e buscan poñer en valor a relación da autora coa contorna de San Lourenzo de Piñor, ademais de divulgar o patrimonio cultural e literario do municipio.

O paseo literario dará comezo ás 9.45 horas, coa saída desde o Centro Social de San Lourenzo de Piñor, e incluirá a inauguración da ruta “O Piñor de Carmen Martín Gaite”, un percorrido polos espazos que inspiraron e marcaron a vida e a obra da escritora.

Coincidindo con esta xornada, abrirase ao público a exposición fotográfica “As palabras postas en fila: O álbum de infancia de Carmiña en Piñor”, que recolle imaxes e lembranzas da infancia de Carmen Martín Gaite na contorna de Piñor. A mostra poderá visitarse no Centro Social de San Lourenzo de Piñor a partir do 4 de xullo.

A exposición preséntase como unha oportunidade para afondar na memoria persoal e literaria dunha das autoras máis relevantes da literatura española do século XX, reforzando o vínculo cultural e emocional entre Barbadás e a escritora.

O Concello destaca que o paseo literario se consolida como unha proposta cultural de referencia no municipio, ao combinar literatura, memoria, fotografía e territorio, e ao contribuír á recuperación e difusión da pegada de Carmen Martín Gaite en Piñor.

As persoas interesadas en participar deberán realizar inscrición previa a través dun formulario habilitado polo Concello ou mediante o código QR do cartel. O prazo estará aberto ata o 1 de xullo de 2026 ás 23:59 horas.

0.13146710395813