Barbadás conmemora a Semana Europea da Mobilidade coa cuarta edición do Paseo da Saúde
Barbadás súmase á conmemoración da Semana Europea da Mobilidade con interesantes propostas e un programa que se estenderá do 16 ao 22 de setembro, incluíndo circuítos viarios, pintura na rúa e a cuarta edición do Paseo da Saúde. O obxectivo é involucrar a todos os sectores da poboación, especialmente aos máis novos, con actividades nos centros educativos. A concelleira de Educación, Marga Pérez, explicou que durante a próxima semana haberá actividades todos os días “para promover hábitos de vida máis saudables e para o alumnado dos dous colexios”.
O luns 16 de setembro a programación desenvolverase no CEIP Filomena Dato cun circuíto viario e a mochila viaxeira para que os nenos e nenas se comprometan a escoller libros na biblioteca e compartilos cos seus compañeiros e compañeiras. Estas dúas actividades trasladaranse ao CEIP O Ruxidoiro o martes 17 de setembro. A obra teatral “De camiño ao cole con Matías” representarase o mércores 18 de setembro na Casa de Cultura Manuel María e haberá pintura na rúa de 17.30 a 19.30 horas na avenida de Celanova.
O xoves 19 de setembro programouse unha xincana ciclista e de patinetes no Paseo dos Amieiros, a partir das 17.30 horas. Ademais, dende o polideportivo municipal sairá unha andaina saudable ás 19.00 horas.
Unha nova edición do Paseo da Saúde, no que colaboran asociacións do ámbito sanitario, programouse para o venres 20 de setembro na avenida de Celanova. Os veciños e veciñas poderán coñecer de primeira man o traballo das entidades que axudan a enfermos de diferentes patoloxías.
A programación continuará durante a fin de semana e o sábado 21 de setembro haberá unha competición de deportes de raqueta nas canchas da Solaina, a partir das 11.30 horas.
Con motivo do Día Mundial sen coches, o domingo 22 de setembro o transporte urbano será gratuíto. A concelleira de Mobilidade de Barbadás, Victoria Morenza, subliñou a importancia de que empresa de transportes ofreza aos usuarios o servizo sen coste durante este día, “xa que así se favorece realmente a mobilidade tendo en conta ademais que se trata dun día non laborable no que moita xente poderá sumarse á iniciativa”.