Barbadás consolídase como incubadora de negocios a través dos niños empresariais do CET

OurenseXa
O obxectivo destas iniciativas é minimizar as posibles barreiras que xorden cando se inicia un camiño empresarial, poñendo ao seu dispor todos os medios técnicos e económicos cos que conta o Concello
niños_cet_barbadas
Niños empresariais do CET, Concello de Barbadás
17 abr 2024

Dende hai case unha década, o Concello de Barbadás conta cunha ferramenta de apoio aos emprendedores e emprendedoras que teñen un proxecto viable. Trátase dos niños empresariais do CET, que minimizan as posibles barreiras que xorden cando se inicia un camiño empresarial, poñendo ao seu dispor todos os medios técnicos e económicos cos que conta o Concello. A través desta ferramenta, Barbadás consolídase como incubadora de negocios que despuntan no seu sector.

Unha das últimas empresas que se beneficiou desta iniciativa foi Sanysec, que se converteu nun referente no tratamento de humidades e que despois de tres anos trasladou as súas oficinas, deixando libre un dos niños empresariais. Unha empresa de aceites vexetais, Javier Martínez Aceites, e unha asesoría especializada no sector cultural, Xesta Asesoría, ocupan agora estes niños empresariais.

A primeira das empresas especialízase en aceites vexetais e produtos innovadores como o aceite de aguacate ou sésamo. Xesta Asesoría atende a empresas do sector musical e asociacións do ámbito cultural tradicional coa xestión de trámites administrativos.

Un custo simbólico ao mes

Os dous niños empresariais cédense inicialmente por 12 meses con posibilidade de prórroga ata 36 meses. Os beneficiarios teñen que abonar un custo simbólico ao mes, no que se inclúe mobiliario, equipos informáticos, conexión a Internet, luz, calefacción e servizo de limpeza. Tamén accederase a asesoramento e apoio do persoal técnico do CET.

O Concello ofrece unha oportunidade idónea para novos emprendedores que queren instalarse nun municipio dinámico, cunha situación territorial privilexiada e un dos motores socioeconómicos da provincia.