Barbadás conta xa cun equipo feminino de fútbol sala sénior

OurenseXa
O obxectivo do Academia Futsal F.S.F é animar ás nenas a practicar fútbol sala nunha época na que aínda hai barreiras que romper no deporte
Nace o Academia Futsal F.S.F de Barbadás
4 Ago 2024

Animar ás nenas a practicar fútbol sala nunha época na que aínda hai barreiras que romper no deporte é o obxectivo co que nace o equipo feminino de fútbol sala sénior Concello de Barbadás-Academia Futsal F.S.F. Adrián Moure, con dilatada experiencia en futsal feminino provincial, será o adestrador e ao conxunto incorporaranse xogadoras con experiencia e xuventude. No acto de presentación interviñeron o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel; o concelleiro de Deportes, Cristian Rodríguez, e o presidente da Academia, Eulogio Pérez.

O rexedor explicou que “hoxe é un día importante para o noso Concello e para o deporte feminino porque así avanzaremos nunha canteira neste ámbito deportivo”. Tamén insistiu en que “temos que seguir traballando para que o deporte feminino se poña en valor, non só o fútbol senón todos os deportes nos que as mulleres queiran ter presenza”.

O concelleiro de Deportes, Cristian Rodríguez, sinalou que este proxecto é unha ilusión que se fai realidade e que “sentará as bases para chamar a atención das nenas do concello para apostar por un futuro no fútbol sala”.

Academia Futsal vai camiño de converterse nun referente do fútbol ourensán e galego e apostando polo equipo sénior, coa colaboración do Concello de Barbadás, pretende poñer a primeira pedra para nun futuro crear equipos base femininos en diferentes categorías do club. “Queremos que as nenas da provincia teñan a posibilidade de animarse a xogar nas nosas categorías inferiores pero, á vez, poidan seguir nun equipo sénior”, afirmou o presidente da Academia Futsal, Eulogio Pérez.

Academia Futsal comezou a súa andaina o pasado ano e logrou na súa primeira temporada 3 títulos de liga, 4 ascensos a liga galega e 2 Copas Deputación, entre outros títulos. Agardan seguir colleitando éxitos, “pero sobre todo que os nenos e nenas do club sigan disfrutando deste deporte”, engadiu Eulogio Pérez.

0.17661499977112