Barbadás demanda a gratuidade dos produtos menstruais en edificios públicos
A dificultade de moitas mulleres para acceder a produtos de hixiene menstrual é unha realidade que o goberno de Barbadás quere erradicar. O grupo municipal socialista e o de Democracia Ourensana levarán ao próximo pleno unha moción sobre a pobreza menstrual na que se instará á Xunta de Galicia a que comprometa nos próximos Orzamentos a creación dunha partida específica destinada á redución do coste ou gratuidade dos produtos sanitarios femininos.
O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, subliña que esta é unha medida que xa implantaron outras comunidades autónomas: “Trátase dunha iniciativa progresista que favorece a igualdade e unha necesidade para mulleres en situación vulnerable e que melloraría a saúde de moitas delas”.
Que as mulleres poidan dirixirse a calquera establecemento farmacéutico de Galicia e adquirir cun coste reducido ou gratuitamente os produtos sanitarios que precisan é o obxectivo deste moción que se levará ao próximo pleno para erradicar a pobreza menstrual. Tamén se solicita a colocación de dispensadores gratuítos destes produtos de hixiene en edificios públicos, especialmente en centros educativos e de saúde.
Campañas de sensibilización
Poñer o foco na educación para rachar co estigma da menstruación é outra das iniciativas que pretende impulsar o goberno local de Barbadás a través desta moción. Instarase ás diferentes administracións competentes á elaboración de campañas tanto de sensibilización e educación sobre saúde menstrual como de fomento de uso de produtos para a hixiene menstrual reutilizables e sostibles que contribúan a coidar o medio ambiente e reducir os residuos que xeran este tipo de produtos altamente tóxicos e contaminantes.
Ademais, a través desta proposta, instarase á Xunta de Galicia á posta en marcha de políticas públicas que poñan o foco na educación a través da elaboración dun programa específico de educación menstrual para levar a cabo nos centros de ensino.