Barbadás dinamiza o comercio e a hostalaría local co 'Merca e Degusta', música e un concurso de pinchos

OurenseXa
A iniciativa desenvólvese ao longo de dous sábados consecutivos e combina horarios especiais nos comercios, descontos, actuacións musicais e animación infantil na rúa
compras-comercio-rua
Imaxe de arquivo ilustrativa
6 Oct 2026

O Concello de Barbadás puxo en marcha unha nova edición do 'Merca e Degusta', unha proposta que combina comercio local, hostalaría, música e actividades na rúa, e que se desenvolverá ao longo de dúas xornadas, os sábados 10 e 17 de outubro. A iniciativa enmárcase no impulso municipal á economía e á vida social do concello.

A programación arrincará o sábado 10 de outubro co inicio do concurso de pinchos, no que participarán distintos establecementos hostaleiros do municipio. A clientela poderá degustar as propostas gastronómicas e votar para escoller ao gañador. De forma paralela, os comercios locais ofrecerán horarios especiais de apertura, ademais de descontos e sorpresas para quen se achegue a mercar.

Ese mesmo día, a partir das 18.00 horas, está prevista unha sesión de animación infantil na avenida de Celanova, pensada para os máis pequenos. ​Xa pola noite, ás 21.00 horas, o Parque dos Patos acollerá unha serie de actuacións musicais, coas intervencións de Miguel Cerqueira, Emilio Padrón, Tamara Pérez e Nuno Louro.

O concurso de pinchos continuará activo durante toda a semana seguinte, ata o sábado 17 de outubro. Cada establecemento hostaleiro dará a coñecer os días nos que o público poderá achegarse a probar a súa proposta gastronómica dentro do concurso.

A clausura da iniciativa terá lugar o sábado 17 de outubro, xornada na que se coñecerá o desenlace do concurso de pinchos e que se completará coa actuación musical do dúo Pequeña Gran Compañía, a partir das 23.00 horas, de novo no Parque dos Patos.

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, animou á poboación a participar en ambas as xornadas e a sumarse ao concurso de pinchos ao longo da semana, destacando o carácter aberto da proposta para toda a veciñanza.

0.16320300102234