Barbadás e Piñor xuntan música tradicional, natureza e magosto no V Festival da Música Tradicional e Popular

OurenseXa
A Asociación Cultural Música e Cultura de Galicia organiza para a vindeira fin de semana un festival de folclore galego, unha ruta de sendeirismo pola contorna natural e a celebración tradicional do magosto
Banda de Música e Cultura
22 Oct 2026

A Asociación Cultural Música e Cultura de Galicia ten preparada unha variada axenda de actividades, abertas a toda a cidadanía, para os días 24 e 25 de outubro. A iniciativa busca dar visibilidade á música tradicional galega, á contorna natural da zona e aos costumes gastronómicos propios do outono.

O sábado 24 de outubro, ás 17.00 horas, o Parque do Fidalguiño de Sobrado do Bispo (Barbadás) será o escenario do V Festival da Música Tradicional e Popular. Esta quinta edición do certame reunirá a varios grupos representativos do folclore local e galego, entre eles o conxunto de cantareiras Zoadeira, a agrupación de cantos de taberna Cuncas do Son, a formación Os do Fuelle —procedente de Maceda—, o grupo 'Voces e Cordas' de Sobrado do Bispo e a Banda de Música e Cultura. O evento conta coa colaboración do Concello de Barbadás, a Deputación de Ourense e a Asociación Cultural Porta da Cadea.

Ao día seguinte, domingo 25 de outubro, a xornada estará centrada no gozo da natureza e na convivencia veciñal. Ás 09.30 horas comezará unha andaina con saída dende a entrada do Camiño de San Bieito, en Piñor, cuxo percorrido pasará pola capela de Cova do Lobo ata chegar ao Penedo Tangaraño.

A fin de semana pecharase ás 14.00 horas coa celebración do tradicional Xantar do Magosto 2026, que terá lugar no restaurante da Asociación Aixiña, en Piñor.

0.16640305519104