Barbadás impulsa unha nova edición do seu campamento de inglés

O Concello de Barbadás impulsará este verán unha nova edición do seu campamento de inglés, unha actividade de carácter educativo e lúdico destinada á infancia co obxectivo de reforzar o coñecemento do idioma a través de dinámicas participativas.
A iniciativa está dirixida a nenos e nenas nados entre 2014 e 2022 e terá lugar no Parque da Solaina entre o 22 e o 30 de xuño, excluíndo o día 24. O horario será de mañá, de 9:00 a 14:00 horas.
A organización establece un máximo de 40 prazas dispoñibles, sendo necesario un mínimo de 20 participantes para garantir a realización do campamento. No caso de que haxa máis solicitudes ca prazas, darase prioridade ás familias empadroadas en Barbadás, seguindo o sistema de selección previsto, e as persoas non admitidas pasarán a lista de agarda.
O período de inscrición estará aberto do 18 ao 29 de maio e poderá formalizarse tanto por vía electrónica como de maneira presencial nas oficinas municipais da Valenzá ou na Casa do Concello.
Os listados de admisión publicaranse en dúas fases: unha provisional o 5 de xuño e a definitiva o día 16 do mesmo mes. O prezo da actividade fixouse en 35 euros por participante, que deberá aboarse entre o 8 e o 12 de xuño.
O programa está promovido pola Concellería de Educación do Concello de Barbadás e busca facilitar a conciliación das familias ao tempo que ofrece unha experiencia de aprendizaxe do inglés nun contexto de lecer e convivencia.