?> Barbadás investirá case 20.000 euros na reforma de catro rúas en en Lamas, Loiro e A Valenzá en OurenseXa

Barbadás investirá case 20.000 euros na reforma de catro rúas en en Lamas, Loiro e A Valenzá

OurenseXa
Trátase da pavimentación da Rúa do Cruceiro e do Camiño do Barro nas Lamas, a mellora do firme na Rúa Alvaredo, en Loiro, e da Rúa Lameiro do Mato, na zona do río
Rúa-Alvaredo-Loiro-Barbadás
Rúa Alvaredo, Loiro
Redacción Ourensexa
26 abr 2024

O Concello de Barbadás executará a reforma de catro rúas, tres do rural e unha da Valenzá, coa financiación do Plan Provincial de Cooperación de Obras e Servizos da Deputación de Ourense. Trátase da pavimentación da Rúa do Cruceiro e do Camiño do Barro nas Lamas, a mellora do firme na Rúa Alvaredo, en Loiro, e da Rúa Lameiro do Mato, na zona do río.

A pavimentación da Rúa do Cruceiro das Lamas conta cun orzamento de 21.200 euros e un prazo de execución de tres meses. A actuación contempla a pavimentación con formigón e a mellora da drenaxe das augas de escorrentía.

As obras de rexeneración da Rúa Alvaredo en Loiro  consisten no fresado do firme existente para aplicar un rego asfáltico de imprimación e a lonxitude do tramo afectado de estrada é de preto de 200 metros.

No caso da Rúa Lameiro do Mato da Valenzá, prevese o fresado do firme nas conexións do tramo afectado co sistema viario existente para a continuación aplicar tamén un rego asfáltico de imprimación. Estas dúas actuacións contan cun orzamento de 38.600 euros e o prazo de execución tamén será de tres meses.

Unha obra moi demandada pola veciñanza

Estes obras sumaranse as levará a cabo o Concello de Barbadás no Camiño do Barro cun orzamento de 123.000 euros para renovar a rede de pluviais e o pavimento e que tamén contemplan a ampliación do ancho da vía nalgúns puntos. Este ambicioso proxecto faise eco das inquedanzas dos residentes e solucionará un problema de anos atrás.

A tenente de alcalde, Victoria Morenza, subliña que coa execución destes proxectos “procederase ao reequilibrio territorial tan demandado pola poboación e atenderase a todas as parroquias e ás necesidades da veciñanza ao mesmo tempo que se mellora a accesibilidade e a mobilidade nos diferentes lugares”. As intervencións iranse realizando progresivamente nos núcleos “en función da orde de prioridade polo estado no que se atopan algunhas vías”.

Mediante estes proxectos, o Concello de Barbadás mantén o seu empeño de dotar aos núcleos do municipio do equipamento mínimo en infraestruturas, mellorando a calidade de vida dos veciños e veciñas e a mellora das condicións mediambientais destes lugares.