Barbadás modifica o tráfico en varias rúas polas actividades previstas para o Entroido

O Concello de Barbadás informa das restricións de tráfico e das medidas de seguridade establecidas con motivo das actividades do Entroido 2025 que se celebrarán na rúa. O venres 28 de febreiro, durante o desfile dos colexios, restrinxirase o tráfico rodado na Avenida de Celanova entre o cruce da Rúa As Burgas (supermercado FROIZ) e a Rúa do Viso (Mercadona) entre as 11.45 e as 13.45 horas. Ademais, o tramo entre o Colexio Ruxidoiro e a rotonda da familia tamén se verá afectado mentres o alumnado realice o percorrido a pé tanto na ida como na volta.
Na mesma xornada, desde as 15.00 horas ata a madrugada seguinte, cando se remate de desmontar o escenario da discoteca, o tráfico estará restrinxido na Avenida de Celanova entre o cruce coa Rúa do Outeiro e o cruce coa Rúa do Viso debido á celebración da festa nocturna. Os itinerarios alternativos estarán debidamente sinalizados e indicados polo persoal de Protección Civil e Policía Local.
O martes, 4 de marzo, con motivo do Folión do Entroido, estará restrinxido o tráfico na Avenida de Celanova, na Valenzá, a partir das 16.45 e ata o remate do evento. Posteriormente, quedará pechado o tramo comprendido entre a rotonda da familia e a Rúa do Viso para a celebración da festa final e a entrega de premios.
Durante esta xornada, para facilitar a mobilidade, recoméndase utilizar camiños alternativos. Os vehículos procedentes de Barbadás ou Moreiras deberán circular polo pobo das Lamas e Finca Fierro con saída dirección Ourense. Aconséllase o uso preferente do aparcadoiro de Carrefour, que permanecerá aberto desde a mañá. Prohíbese o estacionamento na Rúa das Cuartas, Rúa Amieiral e Rúa Calzada Romana. Para as persoas con diversidade funcional, habilitarase un espazo de estacionamento diante do supermercado Mercadona, sendo necesaria a correspondente tarxeta.
O mércores 5 de marzo, durante o desfile fúnebre e a queima do meco, o tráfico na Avenida de Celanova circulará por un único carril desde as 20.00 ata as 20.30 horas, con paso alternativo regulado pola Policía Local e Protección Civil. Unha vez que o desfile chegue á praza do casco vello da Valenzá, pecharanse as rúas da Igrexa, José Soto Losada Abade, Mimoreiras e Rúa do Fondo.
O Concello fai un chamamento á cidadanía para que respecte as indicacións do persoal de Protección Civil, Policía Local e organización, así como os valados, balizamentos e sinalizacións provisionais. Solicítase tamén que se protexa aos menores e se evite invadir a calzada ao paso do folión. Ante calquera emerxencia, deberase contactar con Protección Civil ou Policía Local a través dos teléfonos 988 243 446 e 629 208 607. Dende o consistorio recomendan tamén que os usuarios e usuarias do transporte urbano permanezan atentos ás indicacións dadas pola empresa RIO nas súas redes sociais sobre posibles modificacións nas rutas
.