Barbadás ofrecerá actividades de conciliación durante a Semana Santa

O Concello de Barbadás reforza a súa aposta pola conciliación das familias e ofrece unha variada e divertida programación para os días non lectivos das vacacións de Semana Santa.
Así, os nenos e nenas do concello poderán gozar de actividades lúdicas, deportivas e da cuarta edición do Barbadás Gaming, un evento destinado a maiores de 12 anos, totalmente gratuíto e que contará con consolas PS5, gafas de realidade virtual e equipos de simulación de condución.
Durante dous días, a mocidade poderá competir en torneos, asistir como público ás competicións e xogar aos seus videoxogos favoritos en consolas PS5 como FIFA, League of Legends, Fornite, etc. O horario de apertura do evento será de mañá e de tarde, entre as 11.00 e as 14.00 horas e as 16.00 e as 20.00 horas.
Ademais, os nenos e nenas poderán participar no Campamento de Primavera, que terá lugar os días 14, 15 e 16 de abril no Espazo Infantil da Solaina, e do Campus de Fútbol Mixto e Campus Multideporte, os días 14, 15 e 16 de abril.