Barbadás organiza un mural colaborativo e varias charlas para mulleres dentro do Programa Luz Pozo Garza

OurenseXa
O Parque dos Patos acollerá o vindeiro 23 de setembro unha xornada artística aberta a todas as veciñas, á que seguirán encontros sobre emprego, economía e oportunidades para as mulleres ao longo das semanas seguintes
Arte para o empoderamento Barbadás-Ramirás
20 Sep 2026

Barbadás porá en marcha o vindeiro 23 de setembro unha actividade artística participativa dirixida ás veciñas do municipio, co obxectivo de fomentar a creatividade colectiva e visibilizar o papel das mulleres. A proposta consiste na elaboración dun mural colaborativo que se realizará no Parque dos Patos a partir das 10.30 horas.

A iniciativa enmárcase dentro do Programa Luz Pozo Garza e está aberta a mulleres de calquera idade, independentemente de que conten ou non con experiencia previa en pintura ou muralismo. Desde a organización convídase ás participantes a vivir a experiencia como un espazo de expresión libre e de encontro comunitario.

Esa mesma xornada, xa pola tarde, o programa continuará cunha charla centrada na estratexia dixital e o uso da intelixencia artificial aplicada á procura de emprego. Esta sesión celebrarase ás 19.00 horas no local da Asociación Veciñal das Lamas.

A programación non remata aí. Ao día seguinte, xoves 24 de setembro, terá lugar un novo encontro en Fonval, ás 17.00 horas, no que as asistentes reflexionarán sobre as oportunidades vinculadas ás distintas etapas vitais das mulleres.

Xa a última semana de setembro, concretamente o martes día 29, será a quenda das veciñas de Loiro, quen poderán asistir a unha charla sobre economía e finanzas orientada especificamente a mulleres. O encontro desenvolverase ás 18.00 horas no local da Asociación Veciñal San Martín de Loiro.

Todas estas actividades forman parte do Programa Luz Pozo Garza, unha iniciativa financiada polo Fondo Social Europeo, que ten como público destinatario a mulleres de calquera idade que se atopen en situación de especial vulnerabilidade.

0.16654300689697