Barbadás pide reforzar os equipamentos dos servizos de emergencia do Concello
O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, e o concelleiro de Emerxencias, Dani Rey, mantiveron unha reunión co director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva, e o subdirector xeral de Planificación e Protección Civil, José Antonio Grandas, na sede da Dirección Xeral de Santiago de Compostela.
No encontro tratáronse diferentes asuntos que afectan aos servizos municipais de Protección Civil e Policía Local. Solicitouse a actualización do seu material e equipamento para facer fronte ás emerxencias, debido ao gran volume de intervencións que realizan ambos grupos.
Unha das necesidades que se fixeron chegar é a de dotar de novos vehículos a ambos servizos e Villanueva informou ao rexedor e ao concelleiro de Emerxencias de Barbadás das diferentes opcións dispoñibles para esta finalidade.
Outro asunto que se tratou é o da cobertura das emerxencias no Concello, que actualmente asume o servizo municipal de emerxencias xunto con Bombeiros do Polígono e o GES do Pereiro. Todos coincidiron en que o futuro pasa polas comarcalizacións dos parques de Bombeiros das capitais.
Inclusión da Policía Local á rede Tetra de comunicacións
A rede TETRA de comunicacións tamén formou parte das conversas mantidas na reunión na sede da Dirección Xeral de Santiago de Compostela. Trátase dunha rede dixital de comunicacións que actualmente xa utiliza o servizo de Protección Civil e que se pretende ampliar á Policía Local.
Para este fin, os responsables municipais farán as xestións oportunas ante a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e a empresa pública RETEGAL para proceder a unha implantación progresiva deste sistema nos corpos de seguridade e emerxencias municipais.