Barbadás presenta a cuarta edición do Paseo da Saúde

OurenseXa
A actividade levarase a cabo este venres 20 de setembro na avenida de Celanova e enmárcase dentro da programación da Semana da Mobilidade
Presentación do IV Paseo da Saúde de Barbadás
17 sep 2024

O Concello de Barbadás vén de presentar a a cuarta edición do Paseo da Saúde que se levará a cabo este venres 20 de setembro na avenida de Celanova. Esta iniciativa enmárcase dentro da programación desta Semana da Mobilidade que se está a celebrar neste concello ourensán con actividades para todas as idades.

Á presentación do Paseo da Saúde de Barbadás acudiron o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel e distintos representantes municipais, así como representantes das diferentes asociacións participantes, preto dunha vintena: Afaor, Alcer, Auria, Aecc, Aodemper, Por Eles TEA, Affou, Accu, Querendo, Autismo Ourense, Asociación de celíacos de Galicia, DCA Ourense, AFEM-Morea, ASEIA Galicia, Fundación Neuroburgas, ONCE e Asociación Galega de Covid Persistente.

Xosé Carlos Valcárcel insistiu en que “o máis importante para ter boa saúde é a prevención” e explicou que o que se pretende con esta iniciativa “é dar a coñecer o traballo tan fundamental, e tantas veces esquecido, das asociacións que traballan para atender aos enfermos e enfermas de diferentes patoloxías e tamén ás súas familias”.

A tenente de alcalde, Victoria Morenza, subliñou a relevancia de que Barbadás se sume con iniciativas como o Paseo da Saúde á Semana da Mobilidade: “Moitas das actividades programadas esta semana van dirixidas á infancia e aos mozos e mozas, que son o noso futuro”.
Cómpre destacar que con motivo do Paseo da Saúde, dende primeira hora da mañá a agrupación de voluntarios de Protección Civil de Barbadás instalará unha carpa na avenida de Celanova para que os nenos e nenas coñezan o seu traballo e os materiais e vehículos que empregan nas diferentes intervencións nas que prestan axuda. O concelleiro de Emerxencias, Dani Rey, anunciou que no día de hoxe e mañá achegaranse aos colexios para fomentar a mobilidade saudable co uso da bicicleta ou o patinete. “Tamén é moi importante a formación e por iso ofreceremos charlas no Paseo da Saúde”, engadiu o edil.

O presidente de Alcer Ourense, Miguel Ángel Quintas, agradeceu ao Concello a organización do Paseo da Saúde, “que é moi importante para que se coñezan as enfermidades renais e se insista na prevención para non ter que chegar á diálise”. A vicepresidenta da Asociación Por eles TEA, María Losada, tamén subliñou a relevancia deste iniciativa “que nos permite dar a coñecer á sociedade o traballo que facemos”.

A programación da Semana da Mobilidade de Barbadás comezou este luns no CEIP Filomena Dato cun circuíto viario e a mochila viaxeira para que os nenos e nenas se comprometan a escoller libros na biblioteca e compartilos cos seus compañeiros e compañeiras. Estas dúas actividades trasladaranse ao CEIP O Ruxidoiro este martes 17 de setembro. A obra teatral “De camiño ao cole con Matías” representarase o mércores 18 de setembro na Casa de Cultura Manuel María e haberá pintura na rúa de 17.30 a 19.30 horas na avenida de Celanova.

O xoves 19 de setembro programouse unha xincana ciclista e de patinetes no Paseo dos Amieiros, a partir das 17.30 horas. Ademais, dende o polideportivo municipal sairá unha andaina saudable ás 19.00 horas.

Unha nova edición do Paseo da Saúde, no que colaboran asociacións do ámbito sanitario, programouse para o venres 20 de setembro na avenida de Celanova. Os veciños e veciñas poderán coñecer de primeira man o traballo das entidades que axudan a enfermos de diferentes patoloxías.

A programación continuará durante a fin de semana e o sábado 21 de setembro haberá unha competición de deportes de raqueta nas canchas da Solaina, a partir das 11.30 horas. Con motivo do Día Mundial sen coches, o domingo 22 de setembro o transporte urbano será gratuíto.

0.18079400062561