Barbadás presenta o programa de actividades do Entroido de 2025

OurenseXa
As festas comezarán oficialmente o venres 18 de febreiro e prolongaranse ata o cinco de marzo
Presentación do Entroido 2025 en Barbadás
Presentación do Entroido 2025 en Barbadás
13 Feb 2025

Barbadás xa conta co calendario definitivo das distintas actividades que compoñen este Entroido 2025, que comezou o pasado sábado 8 de febreiro co Obradoiro de Máscaras Ancestrais “A Pita e os Ovos”. Todas as áreas do Concello de Barbadás están implicadas no desenvolvemento da festividade, xunto coa veciñanza que desexe participar.

O alumnado de 5º de primaria dos colexios de A Valenzá confeccionará os bonecos para a regueifa de comadres, que se celebrará o vindeiro xoves 27 na Praza Vella ás 12:30 horas.

Entre os eventos previos aos días grandes, este sábado 15 ás 16:30 horas terán lugar as “III Mascaradas Ancestrais” e o martes 25 haberá unha Masterclass especial de Entroido no Polideportivo Municipal, aberta a todos os públicos desde as 20:00 horas ata as 20:45 horas, co único requisito de asistir disfrazado.

O venres 28 de febreiro marca o inicio das datas clave do Entroido 2025. Os desfiles infantís do CEIP Filomena Dato, CEIP O Ruxidoiro e do Colexio Luís Vives, xunto co Centro Ocupacional “As Burgas”, darán o pistoletazo de saída ás 11:30 horas, nun evento no que participarán preto de 1.200 nenos e nenas.

Ese mesmo día, Lito, da orquestra Panorama, dará o pregón das festas ás 20:00 horas, seguido pola Cea de Comadres nos distintos locais hostaleiros de A Valenzá (haberá descontos para quen reserve con antelación). A festa continuará con Gramola Disco ata as 02:45 horas. Ademais, estará habilitado un Punto Violeta, un posto de información para quen precise asesoramento en materia de xénero, desde as 22:30 horas na glorieta da Avenida de Celanova.

O luns 3 de marzo celebrarase o concurso infantil de disfraces no Parque da Solaina (se as condicións meteorolóxicas fosen adversas, trasladaríase ao patio do CEIP Filomena Dato).

O Gran Desfile de Entroido do martes 4 sairá desde a ponte da Avenida de Celanova ata a entrada de Ourense, nun percorrido só de ida, unha condición que se levaba demandando desde hai tempo debido ao elevado número de participantes.

Os percorridos serán anunciados nas distintas redes sociais de Protección Civil e estas publicacións serán compartidas polo Concello de Barbadás. Durante o desfile, haberá un posto sanitario dispoñible para calquera imprevisto.

As asociacións participantes no desfile poderán solicitar 300 euros para o material necesario de carrozas, comparsas, etc., ata o 3 de marzo de 2025 ás 12:00 horas. En total, o Concello de Barbadás repartirá 9.000 euros en premios e colaboracións. A entrega de premios das distintas categorías do desfile celebrarase ese mesmo día ás 20:00 horas.

Para pechar o Entroido, o Mércores de Cinza, 5 de marzo, terá lugar o desfile fúnebre e a posterior queima do Meco, que irá acompañada dun espectáculo de lume e fogos artificiais de Mystic Fire.

Con este programa, o Concello de Barbadás consolídase como un referente no Entroido, ademais de ser integrador, ao contar cun espazo reservado para persoas con diversidade funcional. Tamén haberá aparcamento gratuíto no Carrefour da Rúa dos Emigrantes a partir das 16:00 horas e ofreceranse caramelos sen glute para a mocidade.

0.16529512405396