Barbadás promove a conservación ambiental coa nova lagoa de anfibios do Parque de Vilaescusa

OurenseXa
O proxecto ten como obxectivo principal mitigar os efectos do cambio climático
inauguracion-lagoa-anfibios
Inauguración da nova lagoa de anfibios de Barbadás
13 sep 2024

No marco do Plan de Impulso ao Medio Ambiente PIMA Cambio Climático, o Concello de Barbadás completou recentemente unha serie de actuacións dirixidas á naturalización dos espazos urbanos no Parque de Vilaescusa. Este proxecto, cunha inversión total de 20.000 euros, dos cales o 80% foron subvencionados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, ten como obxectivo principal mitigar os efectos do cambio climático e mellorar a calidade de vida da veciñanza a través da creación de espazos máis verdes e sostibles.

Un espazo natural para toda a veciñanza

A intervención, finalizada en agosto de 2024, destaca pola creación dunha fermosa lagoa e unha pérgola adornada cunha vide, situada no Parque de Vilaescusa. A obra tamén incluíu a instalación dunha papeleira, dous bancos, e unha senda de pedra acompañada por catro cerdeiras que conecta todo o espazo. Este entorno, deseñado para combater o efecto illa de calor que caracteriza moitas áreas urbanas, servirá tamén como refuxio para a biodiversidade local, promovendo a conservación de especies anfibias e aves. Ademais, esta nova zona verde proporcionará un lugar de sombra e frescor, creando un ambiente agradable para o desfrute da veciñanza e contribuíndo á mellora do hábitat urbano.

Información e sensibilización ambiental

Para reforzar a conciencia ambiental, instalouse un panel informativo no parque que ofrece información detallada sobre o cambio climático e os múltiples beneficios das charcas para anfibios en zonas urbanas. O panel inclúe contidos orientados á conservación da fauna e flora autóctonas, destacando como estas charcas axudan a reducir o efecto illa de calor e melloran a saúde ambiental e a calidade de vida.

Unha xornada de participación cidadá e formación para os máis novos
Durante a tarde de onte elebrouse un acto de inauguración destas novas instalacións, no que participaron nenos e nenas en idade escolar, integrantes do campamento de verán do Concello e concelleiros do goberno local. Durante o evento, os rapaces recibiron unha charla sobre o cambio climático e a biodiversidade, mostrando un gran interese polos temas tratados. Como parte das actividades, procederon á plantación de nenúfares na lagoa, simbolizando o compromiso das xeracións máis novas coa conservación do medio ambiente. Ademais, instaláronse dous hoteis de insectos sobre a pérgola de madeira, reforzando o compromiso do Concello de Barbadás coa preservación da biodiversidade local.

Esta iniciativa foi precedida por unha serie de charlas e obradoiros realizados durante os campamentos de verán, co obxectivo de implicar aos máis novos na loita contra o cambio climático e fomentar unha actitude proactiva na conservación do noso entorno natural.

0.06827187538147