Barbadás promove o Certame Literario de Piñor de narracións breves

OurenseXa
O prazo de admisión dos traballos estará aberto ata o 24 de maio ás 14.00 horas
2024-Banner-Barbadás-Certame literario Piñor - 1
Certame Literario de Piñor
7 abr 2024

Que Piñor inspira a grandes escritores volverá a quedar demostrado no Certame Literario de narracións breves que leva o nome desta parroquia de Barbadás e que organiza a Asociación Cultural Música e Cultura de Galicia coa colaboración do Concello. O concurso consolídase e acada a súa edición número 27 para afianzar a cultura e a lingua galega.

Os traballos serán de temática libre e establécense tres categorías: para nenos e nenas de primaria; estudantes de entre 13 e 17 anos e maiores de idade. En total, repartiranse preto de 1.300 euros con dous relatos galardoados en cada categoría.

Tal e como se establecen nas bases do Certame Literario de Piñor de narracións breves, os traballos deberán ser inéditos, en galego e a súa extensión non poderá superar os 10 folios. O prazo de admisión pecharase o 24 de maio ás 14.00 horas. A entrega dos premios terá lugar o 8 de xuño na Casa de Cultura Manuel María.

O certame consolídase no tempo e cada vez son máis os participantes, tamén doutras provincias galegas. Este concurso naceu da man da mocidade de Piñor na década dos noventa para potenciar a literatura galega.