Barbadás quere implicar aos grandes produtores da Valenzá na reciclaxe dos residuos orgánicos

OurenseXa
Esta iniciativa ten como obxectivo fomentar a correcta xestión dos residuos orgánicos e promover prácticas sostibles entre os negocios da zona
Colectores marrones, Barbadás
24 Xuño 2024

No marco da campaña de implantación do colector marrón, dedicado á reciclaxe dos residuos orgánicos, o Concello de Barbadás levará a cabo unha serie de visitas aos grandes produtores da Valenzá do 24 ao 28 de xuño. Esta iniciativa ten como obxectivo fomentar a correcta xestión dos residuos orgánicos e promover prácticas sostibles entre os negocios da zona.

Durante estas visitas, os grandes produtores (cafeterías, restaurantes, hoteis, entre outros), recibirán asesoramento especializado sobre a reciclaxe de residuos orgánicos, un manual de reciclaxe con información detallada e consellos prácticos, un caldeiro para facilitar a xestión dos restos de comida, bolsas compostables indispensables para o uso correcto do colector marrón e unha chave de apertura dos colectores marróns da rúa, destinada a limitar o uso indebido dos mesmos.

O Concello de Barbadás comprométese, deste xeito, coa promoción de prácticas ecolóxicas e sostibles, e esta campaña é un paso importante cara a unha mellor xestión dos residuos orgánicos na Valenzá. Por iso, animan a todos os grandes produtores a participar activamente nesta iniciativa para contribuír a un medio ambiente máis limpo e saudable para todos.

Esta iniciativa conta coa financiación da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

0.093006134033203