Barbadás recibe preto de medio millón de euros anuais a través do Plan CooperOu da Deputación

OurenseXa
Os fondos da Deputación permitiron a financiación de obras como a mellora da rede de saneamento da Valenzá
PSdeG-PSOE de Barbadás
PSdeG-PSOE de Barbadás
19 Out 2024

Deputadas e deputados do Grupo Provincial Socialista puideron comprobar na Valenzá “as bondades no novo plan de financiamento dos concellos (CooperOu) aprobado pola Deputación de Ourense grazas ao traballo do PSdeG-PSOE”. En compañía do alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, e das tenentes de alcalde Victoria Morenza e Marga Pérez, revisaron os traballos de recondución de augas fluviais na rúa San Bernabé, que se están a sufragar con cargo aos recursos do CooperOu.

Para Valcárcel, “aínda hai cousas que mellorar, pero estamos na liña de seguir acadando financiamento para os proxectos que realmente precisa Barbadás, xa que somos os que mellor coñecemos as necesidades dos nosos concellos”.

“Necesidades coma esta obra na Valenzá, que se está a financiar con fondos da Deputación asignados ao Concello de Barbadás sobre parámetros xustos, como demografía, extensión e dispersión”, explicou Morenza, quen leva a coordinación de Urbanismo, Infraestruturas, Vías e Obras, Servizos Públicos, Parques e Xardíns, Medio ambiente e mobilidade no municipio.

“Sen estes fondos non sería posible esta recondución de augas a consecuencia da acumulación que se produce na rúa San Bernabé coas correntes que chegan da parte alta do Viso e que anegaban mesmo garaxes e baixos, e que se está a arranxar, concluíndo os traballos coa dotación de aglomerado en quente na confluencia da rúa das Burgas coa Avenida de Celanova”, explica Morenza.

Recursos para proxectos necesarios

“Grazas ás reivindicacións e ao traballo das nosas deputadas e deputados durante moitos anos, por fin acadamos que os cartos da Deputación, que son de toda a veciñanza da provincia, se distribúan equitativamente”, destaca Valcárcel. Segundo este, “antes a distribución de recursos facíase a dedo, de xeito caciquil, premiando a uns poucos municipios, mentres que agora, grazas ao traballo do PSdeG-PSOE e que o PP non ten unha maioría absoluta, obtivemos unha distribución máis equitativa e xusta”.

O concello de Barbadás percibía apenas 77.000 euros anuais. Coa entrada en vigor do CooperOu a principios deste ano pasou recibir un monto fixo de 361.306 euros que, tralas dúas modificacións de crédito que o PSdeG-PSOE negociou co grupo de goberno do PP, de outubro do 2023 e abril do 2024, achégase ao medio millón de euros anuais.

0.19870209693909