Barbadás reforza a colaboación coas ANPAs e colexios

O Concello de Barbadás, a través da Concellería de Educación, continúa co seu apoio aos centros educativos do municipio, os CEIPs Filomena Dato e Ruxidoiro, así como as súas ANPAs e a do instituto Ferro Couselo, que aínda que o centro se atopa fora do municipio, é o de referencia para o alumnado de Barbadás. Nos dos CEIPs cursan neste momento 600 rapaces e rapazas.
En total, as arcas municipais destinan 6.000 euros do orzamento a estas axudas, que pretenden mellorar a calidade educativa e facilitar a conciliación familiar dos veciños e veciñas do municipio.
Este convenio económico, cunha achega de 1.500 euros para cada centro educativo e 1.000 euros para cada ANPA, destínase a apoiar a realización de actividades educativas e lúdicas que beneficiarán ao alumnado, mellorando a súa formación e a súa integración social. O obxectivo principal deste apoio é fomentar actividades como saídas didácticas, que permiten aos estudantes acudir a diversas actividades pedagóxicas fóra do municipio, e actividades de lecer, como as excursións de fin de curso.
A pesar de que o Ferro Couselo non se atopa no Concello de Barbadás, a súa vinculación como centro de referencia para os alumnos que rematan primaria no municipio fai que a colaboración co instituto e a súa ANPA sexa fundamental, tanto nas propostas como nas actividades organizadas.
Pero a colaboración do concello cos centros, o alumnado e as súas familias vai máis alá. Así, tamén presta outros servizos que melloran a conciliación familiar, como o "Bos Días Cole", que este ano está atendendo a 158 nenos e nenas en horario de 7.30 a 9.15 horas da mañá, asumindo pola súa parte todas as solicitudes que se presentan.
Outro servizo altamente valorado é o de "Mudas Escolares", que permite ás familias unha maior flexibilidade para compaxinar a súa vida laboral e familiar, sendo unha oferta única os centros de Galicia, xa que é atendida polo persoal do propio Concello e de balde.
Ao rematar o xantar, o Concello tamén oferta actividades extraescolares ata as 16.30 horas, ampliando así as posibilidades de conciliación.
A segunda liña de colaboración do Concello no ámbito educativo e coas familias son as axudas para a adquisición do material didáctico, que chegan ata os 100 euros por alumno en educación infantil (en educación primaria existen axudas da Xunta) co obxectivo de garantir que todos os estudantes dispoña dos recursos necesarios para o seu desenvolvemento académico. Nos últimos anos, o número de axudas concedidas aumentou, como tamén o fixo o importe das mesmas, que se incrementou ao pasar de 90 a 100 euros. Ademais, ampliouse o límite de renda para poder acceder a elas, collendo agora ata os 5.700 euros, co único obxectivo de que un maior número de familias se poidan beneficiar desta axuda.
Este ano, como en anteriores, o Concello de Barbadás segue apostando por mellorar a calidade de vida das súas familias, dando prioridade a educación, a conciliación e o apoio ás actividades dos centros educativos e as súas ANPAs.