Barbadás reordenará o tráfico en tres rúas da Valenzá

OurenseXa
A proposta abrangue a zona denominada antigamente urbanización de Bahamonde, en concreto as rúas Carrís e Salgueiriños, e á Calzada Romana
Obras na Calzada Romana de Barbadás
Cazada Romana, Barbadás
6 Jan 2025

O Concello de Barbadás reordenará o tráfico nas rúas Carrís e Salgueiriños, ademais de na rúa Calzada Romana, todas elas na Valenzá.

En canto as dúas primeiras, actualmente son de dobre sentido de circulación (cun carril para cada sentido) cun ancho inferior a 2,5 metros e con zona de estacionamento en ambas marxes.

Aínda que non existe unha normativa estatal específica para determinar os anchos das vías, as recomendacións á hora de deseñalas estiman un promedio de ancho de entre 2,8 e 2,2 metros para así garantir a súa funcionalidade e, sobre todo, a seguridade viaria, explican desde o Concello.

Por este motivo, reordenarase o tráfico nas rúas Carrís e Salgueiriños despois da proposta realizada pola Policía Local. Isto, sinalan, permitirá mellorar non só a seguridade viaria, senón tamén conseguir unha circulación máis fluída. Así mesmo, tal e como se indica no expediente da Policía Local, “esta ordenación tería tamén un efecto positivo na Avenida de Celanova, xa que gran parte dos vehículos que dende Ourense acceden á Valenzá cara a zona do Paseo dos Amieiros, Paz, Areal, etc., circularían por estas rúas ao ser máis seguras, aliviando así o tráfico pola Avenida de Celanova (a día de hoxe moitos condutores non o fan por medo a ter un accidente polo estreito destas rúas)”.

Deste xeito, a rúa dos Carrís pasará a ser nunha rúa de sentido único ascendente, da rúa Salgueiriños á rúa Areal. O estacionamento realizaríase en liña, como na actualidade, con prazas de dimensión de 2,2 metros de ancho en ambos marxes, quedando un carril de circulación duns 4 metros de ancho.

Para o caso da rúa Salgueiriños, converterase nunha rúa de sentido único descendente, da rúa Areal á rúa 17 de Maio, con estacionamento en liña cuxas prazas teñan 2,2 metros de ancho e cun carril de circulación de 4,6 metros de ancho.

Reordenación tamén da rúa Calzada Romana

A reordenación afecta tamén a rúa Calzada Romana, que actualmente conta con dobre sentido de circulación en aglomerado asfáltico que está en bo estado de rodadura pero que se trata dunha vía de ancho irregular e cuxa beirarrúa está iluminada nunha soa marxe.

Precisamente o seu escaso ancho nalgunhas zonas supón un perigo, especialmente nas fins de semana, xa que se trata da principal vía de acceso ao polideportivo e campo de fútbol, polo que se concentra gran cantidade de tráfico cando hai competicións deportivas ou xoga o equipo de Barbadás. De feito, en ocasións prohíbese temporalmente a entrada de vehículos dende o Parque dos Patos ata o campo de fútbol.

Para solucionar esta situación, o Concello de Barbadás atenderá a recomendación da Policía Local de convertela permanentemente nunha vía dun só sentido de circulación en dirección sur-norte (dende o campo de fútbol ata o Parque dos Patos). Ademais, contémplase instalar algún elemento redutor de velocidade para que, unha vez sexa de sentido único e polo tanto máis ancha, ningún condutor aproveite a maior comodidade da vía para circular a máis velocidade.

Estas mudanzas, contempladas para as rúas Carrís, Salgueiriños e Calzada Romana, comezarán a aplicarse de forma paulatina a partir do día de Reis, a medida que se leven a cabo as modificacións precisas na sinalización viaria, tanto horizontal como vertical.

Con estas actuacións o Concello de Barbadás quere seguir traballando e afondando nas medidas para converter a localidade barbadesa nun municipio máis humanizado, seguro e cómodo para os seus habitantes.

0.16794395446777