Barbadás retira escombros e mobles abandonados en Chelo tras detectar vertidos ilegais

OurenseXa
O Concello lembra que depositar enseres sen avisar previamente conleva sanción económica e explica o procedemento correcto para a recollida de mobles e trastos
escombros-mobles-barbadas
Fonte: Concello de Barbadás
1 Oct 2026

O Concello de Barbadás puxo en marcha traballos de limpeza na localidade de Chelo, pertencente á parroquia de San Lourenzo de Piñor, para retirar escombros, residuos e mobles que foran abandonados de forma irregular. A actuación chega despois de que o Consistorio tivese coñecemento da existencia de varios verquidos ilegais na zona.

Dende a área de Medio Ambiente do Concello insístese na necesidade de seguir a traballar na concienciación da veciñanza sobre a importancia de reciclar os enseres de xeito responsable. Neste sentido, lémbrase que desfacerse de residuos sen respectar a normativa vixente pode conlevar unha sanción económica para quen incumpra as normas.

Para evitar este tipo de situacións, o Concello explica cal é o procedemento correcto que deben seguir os veciños e veciñas que queiran desfacerse de mobles, enseres ou outros obxectos voluminosos. É obrigatorio comunicar previamente a recollida chamando a algún dos dous teléfonos habilitados para iso: o 628 508 775, correspondente á empresa Geseco, ou o 988 360 000, do propio Concello de Barbadás.

Unha vez realizado ese aviso, os obxectos deben colocarse ao carón do contedor máis próximo ao domicilio, e sempre o propio venres, que é o día establecido para a recollida deste tipo de residuos. O Consistorio pide á cidadanía que respecte este procedemento co fin de evitar a acumulación de verquidos incontrolados coma os detectados recentemente en Chelo.

0.26030802726746