Beariz estrea un novo treito de camiño municipal entre Doade e Correa trala mellora e pavimentación

OurenseXa
As obras renovaron 1.100 metros de vial con limpeza de superficie e cunetas, bacheo e dobre tratamento asfáltico
camiño Beariz
10 Nov 2026

O Concello de Beariz conta xa cun camiño municipal renovado entre os núcleos de Doade e Correa, trala finalización duns traballos de mellora e pavimentación enmarcados no Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) 2025.

A actuación afectou a un treito de 1.100 metros, no que se levaron a cabo traballos de limpeza tanto da superficie como das cunetas, ademais dun bacheo previo e a aplicación dun dobre tratamento asfáltico. Con estas labores búscase mellorar o estado do pavimento e reforzar as condicións de circulación e seguridade de quen transita habitualmente por esta vía.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, achegouse ata Beariz para coñecer de primeira man o resultado das obras. Durante a súa visita, destacou que este tipo de intervencións “permite mellorar as infraestruturas municipais e, con elas, a calidade de vida da veciñanza”.

A responsable autonómica incidiu en que dispor de infraestruturas en bo estado resulta clave para o sostemento do rural, ao sinalar que “contar con boas infraestruturas é fundamental para manter un rural vivo e dinamizado”. Engadiu que o investimento en camiños municipais tradúcese tamén nunha mellora das comunicacións, nunha maior facilidade para os desprazamentos da veciñanza e nun reforzo dos servizos e as condicións de vida nos concellos rurais.

Gómez encadrou esta actuación dentro da aposta da Xunta de Galicia por este tipo de proxectos, visible a través de ferramentas como o Plan Camiña Rural, que subvenciona a ampliación ou mellora de camiños integrados na rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación. A iso súmase, segundo explicou, a colaboración cos distintos concellos, que permite dar resposta ás necesidades de cada territorio e impulsar iniciativas orientadas ao desenvolvemento do rural galego.

0.14782500267029