Beariz xa coñece as persoas gañadoras dos seus Certames Literario e Fotográfico 2026

OurenseXa
O relato 'Las puertas abiertas', de Vanesa Dapena Lorenzo, e a fotografía 'Divina Luz', de Alfredo Javier Ramos Varela, acadan os primeiros premios dunha edición que rexistrou unha notable participación
concello_beariz
22 Aug 2026

O Concello de Beariz deu a coñecer a comezos desta semana o fallo dos Certames Literario e Fotográfico de 2026, unha convocatoria que un ano máis reuniu unha notable participación e un alto nivel nas obras presentadas.

Na modalidade literaria, o primeiro premio, dotado con 500 euros e diploma, foi para o relato 'Las puertas abiertas', escrito por Vanesa Dapena Lorenzo. O xurado valorou especialmente a sensibilidade coa que a autora aborda, dende unha linguaxe sinxela e emotiva, temas como a vellez, a perda e a evolución do Alzheimer, construíndo unha metáfora arredor do vínculo entre un pai e a súa filla.

O segundo posto foi para 'O gol que nunca marcou Pelé', de Pablo Nogueira Campo, mentres que o terceiro premio recaeu en 'Sinestesias', obra de Beatriz Pérez González.

No que respecta ao certame fotográfico, o primeiro premio, dotado con 200 euros e diploma, correspondeu a Alfredo Javier Ramos Varela pola súa fotografía 'Divina Luz'. O segundo galardón foi para Rodrigo Muradás Lorenzo, autor de 'La impermanencia del tiempo', mentres que o xurado decidiu conceder dous terceiros premios ex aequo: un para 'Nevada', de Santiago Valiñas Rivas, e outro para 'Ollando Magros', de Iago Manuel Souto Lorenzo.

Dende o Concello quixeron agradecer a implicación de todas as persoas que presentaron as súas obras a esta convocatoria. Como xesto de recoñecemento, todas as fotografías admitidas a concurso que non resultaron premiadas recibirán unha gratificación especial de 6 euros.

O Concello felicitou ás persoas premiadas e trasladou o seu agradecemento ao resto de participantes por seguir contribuíndo, edición tras edición, a enriquecer a vida cultural do municipio.

0.12307620048523