Besteiro e Patxi López cargan contra a Xunta por “poñerlle prezo á saúde” a sanidade pública por vincular incentivos médicos ás baixas laboráis

GaliciaXa | OurenseXa
Besteiro cualifica de “extraordinariamente grave” o incentivo de 2.500 euros ligado ás baixas médicas, mentres Patxi López fala do “ADN da dereita” e di que “os servizos públicos son un negocio”
besteiro-patxi-lopez-ourense
22 May 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou este xoves en Ourense ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de “poñerlle prezo á saúde” ao impulsar un sistema de incentivos económicos dirixido ao persoal médico vinculado ao control das baixas laborais.

Segundo explicou Besteiro, a medida consistiría nun complemento de 2.500 euros anuais para aqueles facultativos cuxos cupos rexistren un número de baixas por debaixo dun coeficiente estándar establecido pola propia Consellería de Sanidade. O dirixente socialista cualificou a iniciativa de “extraordinariamente grave” e advertiu de que, ao seu xuízo, evidencia a concepción do modelo sanitario do Partido Popular.

“O señor Rueda quere facernos crer que o problema da sanidade pública está nas baixas, nos pacientes ou nos médicos. E non. O problema é un goberno que non cree nos servizos públicos e que non está disposto a investir o que hai que investir”, afirmou Besteiro durante a súa intervención.

O líder do PSdeG puxo o foco tamén na situación da atención primaria en Galicia e sinalou que a comunidade se sitúa, segundo os datos que manexa a formación, como a segunda con menor investimento do Estado neste ámbito, só por detrás de Madrid. “Mesmo modelo, mesma filosofía, mesmos resultados”, resumiu, relacionando esa evolución co incremento das listas de espera e dos tempos de atención e diagnóstico.

Besteiro sostivo que os problemas do sistema non recaen nin nos profesionais nin nos pacientes, senón nas decisións políticas adoptadas ao longo dos últimos anos. “Os culpables, dixo, non son os traballadores, nin os pacientes, nin tampouco os médicos, “os culpables son os que levan dezasete anos gobernando esta terra e decidiron que a atención primaria é prescindible. Os que pechan PACs. Os que non cobren as vacantes. Os que non planifican”.

O dirixente socialista interpretou o anuncio da Xunta como parte dun “recorte sistemático” de dereitos e advertiu de que o modelo que, ao seu xuízo, se está a consolidar consiste en trasladar ao sistema sanitario unha lóxica de incentivo económico que pode xerar presión sobre o exercicio profesional. “Un modelo, subliñou, “que pon prezo á sanidade pública e despois pretende que os galegos paguen a factura”.

Neste sentido, Besteiro defendeu que a resposta ás dificultades da sanidade pública pasa por reforzar o investimento, incrementar o persoal sanitario e mellorar a planificación. Tamén advertiu de que medidas como a anunciada “non vai resolver nada do que está roto” e poden engadir “presión sobre os profesionais e sospeita sobre os pacientes”, sen actuar sobre o que definiu como o problema estrutural: a falta de recursos.

Pola súa banda, o portavoz do PSOE no Congreso, Patxi López, que participou tamén no acto en Ourense, incidiu nunha crítica de carácter máis xeral ao modelo de xestión dos servizos públicos por parte da dereita. “Para a dereita os servizos públicos son un negocio. E como te atenden na sanidade ou na educación depende do groso da carteira que teñas”, afirmou.

López contrapuxo esta visión coa política económica do Goberno central, asegurando que o crecemento económico debe traducirse en melloras sociais. “España vai ser o país que máis crece en Europa. E iso non é un fin en si mesmo. Iso permite subir salarios, subir pensións, reforzar a sanidade e a educación. Pero hai quen prefire o camiño inverso”, sinalou.

O encontro socialista en Ourense serviu así para reforzar o discurso do PSdeG sobre o estado da sanidade pública en Galicia e para elevar o ton crítico contra a política sanitaria da Xunta, especialmente no relativo á atención primaria e á xestión das baixas laborais.

0.12327814102173