BNG e PSOE piden a exposición pública do novo PXOM anunciado polo Concello de Ourense

OurenseXa
O Goberno Local do Concello de Ourense vén de anunciar que esta mesma semana remitirá o proxecto do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal á Xunta de Galiza
concello-ourense-recurso
2 Oct 2024

O Goberno Local do Concello de Ourense vén de anunciar que esta mesma semana remitirá o proxecto do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) á Xunta de Galiza para que esta emita o informe pertinente que permita avanzar na tramitación do documento e como fase previa a súa presentación diante do Pleno municipal, órgano encargado da súa aprobación definitiva.

O Grupo municipal do BNG, a través do seu Portavoz Luís Seara afirma que “ao longo de todo o que levamos de mandato e boa parte do anterior, o Goberno Local nunca tivo a ben chamarnos para falar do PXOM pese a telo pedido en reiteradas ocasións e pese a ter acudido sempre que fomos convocados pola alcaldía para abordar este tema”.

En todo caso, desde a formación nacionalista sinalan a necesidade de “aprobalo canto antes e poder desenvolver o Concello dos próximos 20 anos, ofrecendo seguridade xurídica a todas aquelas persoas ou empresas que decidan investir en Ourense”. No que si insisten novamente no BNG é na necesidade “dunha nova exposición pública que permita á veciñanza no seu conxunto coñecer o documento actual e poder facer as achegas e alegacións que considere precisas”.

Pero se algo teñen claro os nacionalistas é que o novo PXOM “ten que ser un documento que aposte pola sustentabilidade, un documento que aposte pola rehabilitación e non polo consumo de novo solo urbanizable pois o problema de Ourense non é a demanda de vivenda nova xa que temos perto de 17.000 vivendas baleiras e desde logo, un Plan de urbanismo pensado para as maiorías sociais e non á medida dos especuladores como se ten feito até o de agora”.

O Portavoz Luís Seara non deixa de lado tampouco a situación na que quedan, coa proposta de PXOM coñecida, as parroquias e núcleos do rural do Concello xa que segundo denuncia, “a práctica totalidade da edificabilidade concéntrase na propia cidade, eliminando as zonas urbanizábeis no perímetro rural, contrinxindo deste xeito o seu espallamento”.

Seara ten claro que “non se trata de permitir que cada quen constrúa uha casa onde lle pete pero sí de permitilo dentro dos propios núcleos poboacionais xa existente e favorecer así o seu crecemento e o asentamento de poboación”, e engade, “para moitas persoas ter un solar no rural do Concello é ter a posibilidade de que as súas fillas ou fillos se asenten alí ou mesmo significa ter un cheque ao portador no caso de precisalo”.

O PSOE esixe a convocatoria urxente dunha Comisión do PXOM

Dende o grupo municipal socialista do Concello de Ourense esixen a “convocatoria urxente da Comisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal e o acceso urxente a toda a documentación do expediente que, no día de hoxe, o goberno de Gonzalo Pérez Jácome afirma que remitirá á Xunta de Galicia”.

As e os edís veñen de solicitar, novamente, acceso aos informes que xa reclamaron, sen obter resposta por parte do executivo local, en reiteradas ocasións con anterioridade tanto por escrito como nas Xuntas de Área. “Levamos meses e anos pedindo ver a documentación sobre o suposto agora documento definitivo e non se nos facilitou”, denuncian.

“O goberno municipal non pode seguir a fuxir da transparencia, do diálogo e do consenso político para sacar adiante un proxecto fundamental para o desenvolvemento urbanístico e o futuro da cidade”, conclúen ante a nova que se publica na páxina web do Concello de Ourense.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18279004096985