Boborás terá súa primeira pista municipal de pádel

O Concello de Boborás construirá a súa primeira pista municipal de pádel no entorno do pavillón polideportivo, cun investimento total de 49.860,70 euros.
A actuación contará cunha achega de 34.902,49 euros da Xunta de Galicia, equivalente ao 70% do investimento, mentres que o Concello de Boborás asumirá os 14.958,21 euros restantes.
A nova pista situarase entre o pavillón municipal e a actual pista multideporte, nunha zona na que xa se concentran diferentes equipamentos públicos, entre eles as piscinas, o parque infantil e a zona de calistenia.
Trátase dunha pista homologada de 20 por 10 metros, descuberta, con céspede sintético e iluminación propia mediante oito focos LED.
O proxecto contempla ademais a ampliación das instalacións nunha segunda fase. A intención do Concello é construír unha segunda pista contigua á primeira e, posteriormente, cubrir ambas para facilitar o seu uso durante todo o ano.
Tamén está prevista a implantación dun sistema automatizado de acceso e reservas, co obxectivo de permitir unha utilización máis cómoda, autónoma e flexible das instalacións.
Desde o Concello sinalan que o proxecto non se concibe como unha actuación illada. “Non queremos quedar nunha actuación illada. Esta primeira pista é o punto de partida para crear unhas instalacións modernas, funcionais e adaptadas ás necesidades da veciñanza”.
Con esta actuación, o Concello pretende ampliar a oferta deportiva e de lecer de Boborás e impulsar espazos destinados á actividade física, á convivencia e á promoción de hábitos de vida saudables.