'Bowie', o novo compañeiro de lectura do Parque Municipal do Carballiño

O Carballiño xa ten en marcha o seu primeiro punto de intercambio de libros, unha iniciativa municipal coa que se pretende impulsar a lectura e permitir que a veciñanza e as persoas que visitan a vila compartan libros de xeito gratuíto. O novo espazo atópase no Parque Municipal, preto da piscifactoría.
O punto recibiu o nome de 'Bowie', en homenaxe ao can do gardarríos que colaborou activamente na posta en marcha do proxecto. Na iniciativa tamén participou a Concellería de Educación do Concello, de xeito que se combinan os ámbitos cultural, educativo e medioambiental nunha proposta aberta a toda a cidadanía.
O funcionamento de 'Bowie' é moi sinxelo: calquera persoa pode achegarse, levar un libro que lle interese e deixar outro exemplar para que poida ser desfrutado por novos lectores. Tamén existe a posibilidade de coller un libro para lelo no propio parque e devolvelo á casiña antes de marchar. Con isto búscase favorecer a circulación dos libros, alongar a súa vida útil e xerar un novo punto de encontro arredor da lectura nunha das zonas verdes máis coñecidas da vila.
A concelleira de Medio Ambiente, Elvira Torres, salientou o carácter aberto e participativo da proposta, expresando o seu desexo de que este punto se converta nun pequeno lugar de encontro no corazón do parque, onde os libros poidan pasar de man en man e seguir xerando historias, coñecemento e momentos de lecer.
A edil tamén relacionou o proxecto cos valores da sustentabilidade e do reaproveitamento, sinalando que compartir un libro é tamén unha forma de aproveitar mellor os recursos existentes, e que cun xesto sinxelo se poden unir lectura, educación, convivencia e respecto polo medio ambiente.
Así mesmo, Torres agradeceu a implicación das persoas e departamentos que fixeron posible este novo punto, indicando que a iniciativa nace da colaboración e que se agarda que siga medrando grazas á participación veciñal, animando a que a xente faga seu este espazo, o coide e axude a mantelo vivo deixando e levando libros.
Desde o Concello do Carballiño convídase á cidadanía a facer un uso responsable deste novo recurso, depositando libros en bo estado, co obxectivo de que 'Bowie' se consolide como un novo recuncho dedicado á cultura, á lectura e á convivencia dentro do Parque Municipal.