Caixa Rural pecha as contas de 2025 cun resultado histórico dun beneficio de 32 millóns de euros

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
As contas recollen uns activos que superan os dous mil seiscentos sesenta e sete (2.667) millóns de euros e que supón un crecemento algo superior ao 14% respecto do ano anterior
ASEMBLEA-XERAL-caixa-rural
18 May 2026

Caixa Rural Galega celebrou a súa Asemblea Xeral anual este sábado en Lugo coa presenza do Consello Reitor da cooperativa de crédito, presidida por Manuel Varela, e os representantes das Xuntas Preparatorias celebradas durante estas últimas semanas nas localidades de Ribadeo, Chantada, Santiago de Compostela, Cambados e Lugo.

O punto máis relevante da orde do día foi a aprobación das contas do exercicio 2025, das que destaca un beneficio neto algo superior aos 32 millóns de euros, o que supón un lixeiro incremento respecto do exercicio 2024, algo superior ao 1%, pero que serve para volver a bater unha nova marca de beneficio para a Entidade con sede en Lugo.

Este incremento é debido fundamentalmente a menores necesidades de dotacións a provisións así como melloras sostidas de eficiencia. Pola contra, o marxe bruto foi algo inferior a 2024, reducíndose en algo más do 6%, debido á evolución á baixa dos tipos de interese experimentada ao longo do exercicio, e pese aos crecementos de volume xestionado.

As contas recollen uns activos que superan os dous mil seiscentos sesenta e sete (2.667) millóns de euros e que supón un crecemento algo superior ao 14% respecto do ano anterior. Os depósitos de clientes acadan os dous mil tres centos noventa e dous (2.392) millóns de euros, cun crecemento no exercicio de máis de dous centos setenta (270) millóns, mentres a inversión crediticia supera por primeira vez os mil (1.039) millóns de euros, en termos netos, cun crecemento por riba dos cento corenta (140) millóns de euros.

A morosidade pechou o exercicio no 2,11%, continuando cunha evolución satisfactoria ao reducirse respecto do exercicio anterior e manténdose substancialmente por baixo da media do sector.

A ratio de solvencia acada o 22,97% cunha mellora de preto de dous puntos respecto do ano anterior debido ao excepcional resultado, o que mantén un nivel en torno ao dobre do requirido polo regulador. Esta mellora afianza a fortaleza da entidade de cara seguir medrando no futuro.

Outro punto relevante da orde do día foi o relevo no Consello Reitor de Aquilino Rodríguez López tras 24 anos como membro do mesmo. A Asemblea, propuxo a Ana Rodríguez Muradás como novo membro, que será a cuarta muller incorporada ao Consello Reitor de Caixa Rural Galega no momento en que tome posesión do cargo.

Na súa intervención, o Presidente da Entidade fixo unha análise da situación económica actual, tanto a nivel internacional como nacional e galego, no que destacou a mellor evolución da economía española respecto do seu entorno nos últimos trimestres, pero na que xa se empezan a notar sinais de desaceleración polo contexto internacional, ao que debemos engadir o final dos fondos europeos. En canto á evolución da economía galega, na liña de estatal, mostrou certa preocupación polo envellecemento da poboación que previsiblemente limitará a capacidade de crecemento.

Neste contexto, destacou que Caixa Rural Galega pechou un exercicio 2025 novamente cun resultado extraordinario, que adquire aínda maior relevancia se o situamos nun contexto económico caracterizado pola incerteza, a volatilidade dos mercados e os desafíos derivados do contexto internacional. Neste escenario, a entidade segue a manter o rumbo, fiel aos seus valores cooperativos fundacionais e á súa vocación de servizo ao territorio, para seguir medrando de xeito sustentable, reforzando a súa solvencia e mantendo sempre a prudencia na xestión.

En relación ao futuro, salientou que os retos que ten por diante a Entidade, como a dixitalización ou o complexo contexto económico, afrontaranse desde unha posición de fortaleza, cunha base sólida e coa confianza que lle outorgan os resultados acadados. Uns resultados que son froito dun esforzo colectivo compartido entre socios, equipo humano e órganos de goberno, e que permitirá á Entidade seguir avanzando con garantías nos próximos anos.

As derradeiras palabras foron para facer un recoñecemento e agradecemento a Aquilino Rodríguez López pola súa dedicación durante os últimos 24 anos, sempre en liña cos valores cooperativos, con rigor, honestidade e lealdade, para construír unha destacada traxectoria que sen dúbida deixa unha profunda pegada na Entidade, que ademais cumpre 60 años en este 2026.

0.15030312538147