'CanteirIA' impulsa en Ribadavia o emprendemento xuvenil a través de ferramentas dixitais innovadoras

Ribadavia acolle desde hoxe e durante catro días a primeira edición de 'CanteirIA', un programa impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cuxo obxectivo é que a mocidade galega poña en marcha proxectos emprendedores apoiándose en tecnoloxías dixitais de última xeración.
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou hoxe ás persoas participantes desta iniciativa, enmarcada no programa europeo Desafío Jovens. Durante o encontro, salientou o importante que resulta que a xente moza aprenda a manexar este tipo de ferramentas, ás que definiu como aliadas para xerar oportunidades de empregabilidade.
Segundo explicou, trátase dun programa intensivo que une intelixencia artificial, asesoramento especializado e traballo colaborativo co fin de converter ideas emprendedoras en proxectos estruturados, validados e listos para poñerse en marcha.
As actividades desenvólvense no antigo Convento de Santo Francisco de Ribadavia, onde 15 mozos e mozas traballan de forma individual ou en equipos multidisciplinares. Ao longo das catro xornadas, o percorrido vai desde definir a idea inicial ata construír un produto mínimo viable, ademais de elaborar un plan de acción para darlle continuidade ao proxecto unha vez finalice o programa.
Meneses detallou que as e os participantes traballarán o seu modelo de negocio, identificarán os seus potenciais clientes e definirán a súa proposta de valor. Tamén determinarán as principais hipóteses que deben comprobar e avanzarán no desenvolvemento do produto mínimo viable apoiándose en ferramentas dixitais, intelixencia artificial, deseño e tecnoloxías sen necesidade de programación (non-code).
A responsable autonómica destacou que un dos aspectos que diferencia esta iniciativa é precisamente a incorporación da intelixencia artificial e outras tecnoloxías dixitais ao proceso de creación de proxectos empresariais. Nas súas palabras, esta forma de traballar sitúa o programa "na vangarda das novas fórmulas de capacitación emprendedora" e axuda "á adquisición de competencias especialmente demandadas no actual contexto de transformación dixital".
'CanteirIA' non remata co peche destes catro días de convivencia. Un mes despois, realizarase un seguimento no que cada equipo poderá compartir as aprendizaxes obtidas e recibir apoio adicional para seguir desenvolvendo o seu proxecto. O programa culminará cunha presentación final, na que os mozos e mozas exporán ante o resto de participantes o traballo realizado: a idea de partida, o problema que buscan resolver, a solución proposta, o modelo de negocio deseñado e os avances conseguidos. A xornada de clausura incluirá tamén un espazo de intercambio entre os equipos e a definición dos próximos pasos para continuar impulsando cada iniciativa.