Carballeda de Avia pon en marcha un obradoiro gratuíto de pandeireta e canto tradicional galego

O Concello de Carballeda de Avia anunciou a posta en marcha dunha nova actividade cultural dedicada á música tradicional galega. Trátase dun obradoiro de pandeireta e canto que arrincará o xoves 8 de outubro e que terá continuidade semanal, todos os xoves, en horario de 18.15 a 19.15 horas.
A actividade desenvolverase na Sala Multiusos do Concello e está concibida como un espazo de aprendizaxe colectiva no que os participantes poderán iniciarse no toque da pandeireta e no canto tradicional galego, avanzando ao seu propio ritmo nun ambiente distendido e participativo.
Dende o Concello destacan que a música tradicional forma parte do patrimonio cultural, da memoria colectiva e da identidade do pobo galego, polo que esta iniciativa busca manter viva esa herdanza a través da práctica compartida.
O obradoiro ten carácter gratuíto, aínda que o Concello advirte de que as prazas son limitadas, polo que recomenda formalizar a inscrición con antelación. As persoas interesadas poden apuntarse de xeito presencial nas oficinas municipais, chamando ao teléfono 988 487 000, ou ben a través de WhatsApp, facilitando nome, apelidos e DNI.