Carmen José Martínez, autora de 'Pensamientos de una mente ansiosa': "Sempre hai que buscar esa luz que che axude a volver a flotar na superficie"

GaliciaXa | OurenseXa
O novo libro da autora ourensá é unha obra construída ao longo de anos de conversas reais, vivencias propias e a dor de perder á súa filla
carmen-jose-martinez-pensamientos-de-una-mente-ansiosa-2
20 Sep 2026

Hai libros que nacen dunha idea e libros que nacen dunha necesidade. 'Pensamientos de una mente ansiosa', de Carmen José Martínez, pertence ao segundo grupo. Escrito ao longo de anos, froito de conversas con persoas do seu entorno, de vivencias propias e de relatos alleos que lle chegaron de primeira man, este libro achégase á saúde mental sen distancias nin tecnicismos: desde dentro. A autora ourensana fala de medo, de amor ansioso, de noites sen durmir, de ansiedade e de depresión, pero tamén de levantarse e de buscar esa "palmadiña" que ninguén máis pode dar. Falamos con ela.

 

 

Poderías explicarnos un pouco a orixe desta obra e como foi o seu proceso?

Esta obra escribina ao longo dos anos. É un recopilatorio de temas sobre saúde mental que se repetían nas conversas con persoas do meu entorno, clientes e algunhas vivencias propias. Digo que está escrita ao longo dos anos xa que é unha recopilación de textos propios nos que falo de medo, amor ansioso, noites sen durmir, ansiedade, depresión... pero non só relato o malo, tamén falo de saber levantarse, de darse esa palmadiña que nos dá forzas para seguir loitando e non tirar a toalla.

Se tiveras que describila sen usar a palabra "ansiedade", como o farías?

Definiríaa como un proceso polo que pasa unha persoa dentro da súa cabeza, na que ela mesma loita contra si, sendo o seu carcereiro máis cruel.

Que frase do libro custouche máis deixar impresa?

Hai varias cousas que me custaron. Poñerme na pel dunha persoa que decide rematar coa súa vida é moi complicado; poder sacar esas palabras. É o capítulo de Un ángel llamado Sela, que fala da miña pequena que faleceu hai uns meses.

Poderías contarnos quen foi o primeiro lector e cal foi a súa opinión?

O primeiro lector foi a miña irmá. E díxome que realmente nalgúns dos relatos si se vía reflectida, porque plasmei as sensacións que realmente se senten cando estás pasando polo que está aí escrito.

Escribir alivioute ou removeuche?

Aliviоuме, xa que é unha moi boa vía de escape para liberar todo o que levas dentro.

A quen lle falabas mentres escribías?

Falo en primeira persoa; vai dirixido a que o lector se sinta reflectido nas palabras que conta. Non todo son vivencias miñas; outras son relatos vividos desde fóra por varias persoas que me comentaron o tema, e decidín enfocalo como unha saída de palabras no papel que caen directamente da mente de quen o sofre, para que ao lelo se dea conta de que o que está vivindo non é un problema só del. É un problema de moitos e non está só.

Consideras que se fala o suficiente da ansiedade e da saúde mental en xeral, ou pensas que é un tema ao que aínda lle queda moito percorrido?

É un tema ao que aínda lle queda moito percorrido, xa que a saúde mental é algo que a simple vista non se ve. Séguense escoitando comentarios como "iso non existe, é algo inventado polas novas xeracións". Aínda queda moito que percorrer para que todo o mundo se dea conta de que si é unha enfermidade máis, como cando rompes un óso. Non se dan conta de que algunhas enfermidades relacionadas coa saúde mental son sufridas non só polo que pasa na túa cabeza, senón tamén por falta de vitaminas no corpo, falta de sol, problemas hormonais... e enseguida te tachan de "exaxerada ou débil" por sufrir algunha delas.

Cres que existe o risco de estetizar a ansiedade?

Eu creo que non. O que hai que dar é visibilidade con cabeza, e facer ver o que realmente pasa dentro da mente, que mantido no tempo tamén afecta o corpo: contracturas, calambres musculares, tics nos ollos...

Que lle dirías a un lector que busque no teu libro un substituto de ir ao psicólogo?

Que o meu libro non substitúe o traballo dos profesionais da saúde mental, xa o especifico nada máis empezar. Tamén hai algún texto relacionado con consultas de psicólogos e recomendacións de acudir a estes marabillosos profesionais. Non escribín unha cura para a ansiedade; é un libro para dar soporte e sentirse comprendido, para saber que non estás só en todo isto. Nunha parte do libro menciono algunha técnica de relaxación consciente para calmar un pouco esa ansiedade, e pequenos consellos de actividades para realizar cando estás neses días máis malos.

Vendo agora as túas propias palabras impresas nas túas mans, que aprendiches de ti léndote?

A verdade é que si. Nos momentos máis duros, cando pensas que tocaches fondo, ves que á vez eres capaz de escribir relatos de ánimo e forza para seguir adiante. E que sempre hai que buscar esa luz que che axude a volver a flotar na superficie.

Tes en mente publicar algo máis no futuro?

A idea é que si. De momento non comecei ningún novo proxecto, pero si hai varias ideas novas sobre a mesa.

 

 

Carmen José Martínez péchanos a conversa coa mesma sensación que di buscar co seu libro: que ninguén está só. 'Pensamientos de una mente ansiosa', publicado por Ediciones Brisa del Sur, presentouse o pasado 3 de setembro na Biblioteca Pública de Ourense. Este é o seu primeiro libro e, a xulgar polo que conta, non será o último.

0.1890881061554