Cartelle habilita un novo aparcamento público gratuíto no núcleo de Outomuro

OurenseXa
O novo espazo, situado xunto á farmacia, conta con máis de 1.400 m² e busca mellorar a mobilidade e o estacionamento na zona
cartelle-leira-park
2 Jul 2026

O Concello de Cartelle vén de habilitar un novo aparcamento público gratuíto no núcleo de Outomuro, no centro da localidade, co obxectivo de mellorar o día a día da veciñanza e facilitar o estacionamento na zona.

O novo espazo atópase situado xunto á farmacia e dispón dunha superficie de máis de 1.400 metros cadrados, quedando aberto ao uso libre e totalmente gratuíto.

Xunto coa creación deste aparcamento, o Concello levou a cabo unha reorganización da contorna, coa reubicación dos colectores de lixo nunha única illa, co fin de mellorar a orde, a accesibilidade e a funcionalidade do espazo público.

Segundo se indica, trátase dun servizo demandado pola veciñanza que queda xa operativo e que pretende facilitar tanto o estacionamento como a mobilidade no núcleo de Outomuro.

0.13066101074219