CCOO alerta do risco laboral que supón a calor extrema e reclama máis prevención na construción

Comisións Obreiras (CCOO) presentou en Ourense unha campaña de prevención dos riscos derivados da calor extrema nos centros de traballo, na que reclama reforzar a protección da saúde laboral ante fenómenos meteorolóxicos cada vez máis frecuentes e intensos.
Baixo o lema «Fronte ao sol: sombra, auga fría e xornada reducida», a iniciativa foi dada a coñecer na cidade ao tratarse dunha das zonas de Galicia con temperaturas máis elevadas, onde no verán de 2025 se rexistraron picos de ata 42,9 graos en xuño e repetidas superacións dos 40 graos durante xullo e agosto.
Na presentación participaron representantes de CCOO-Hábitat a nivel galego e estatal, que advertiron de que a adaptación do traballo ao cambio climático “xa non é unha opción, senón unha obriga legal, social e ética”. Segundo sinalaron, as altas temperaturas afectan a arredor de catro de cada dez persoas traballadoras, mentres que só unha pequena porcentaxe de empresas conta con plans específicos fronte a episodios meteorolóxicos adversos.
O sindicato puxo o foco na situación de Galicia e na incidencia das vagas de calor rexistradas no último ano, destacando que Ourense foi a provincia con máis días en aviso laranxa. En total, segundo datos recollidos por CCOO-Hábitat a partir de información da AEMET, contabilizáronse 18 días con este nivel de alerta na comunidade.
CCOO lembra que a normativa estatal establece obrigas específicas en función dos avisos meteorolóxicos, incluíndo a adaptación ou redución da xornada en aviso laranxa e a prohibición de tarefas de risco en aviso vermello.
O sindicato tamén advertiu do aumento da mortalidade asociada ao exceso de calor en Galicia, que pasou de 203 falecementos en 2024 a 397 en 2025, o que supón un incremento do 95,6%. Ao mesmo tempo, sinala que os efectos das altas temperaturas van máis alá dos golpes de calor e inclúen o agravamento de enfermidades cardiovasculares e respiratorias e un aumento da sinistralidade laboral.
No ámbito da construción e doutros sectores ao aire libre, CCOO reclama protocolos específicos e medidas preventivas como adaptación de horarios, reorganización de tarefas, acceso a auga potable, zonas de sombra e descanso, así como equipos axeitados ás condicións térmicas.
O sindicato insiste en que a adaptación das condicións de traballo en días de alerta non é unha recomendación, senón unha obriga legal, e pide que a calor sexa recoñecida como un risco laboral estrutural na negociación colectiva e na planificación da prevención en Galicia.