CCOO denuncia ao Concello de Maceda por posibles incumprimentos laborais no servizo de limpeza

O sindicato CCOO presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo contra o Concello de Maceda por supostos incumprimentos graves da normativa laboral no servizo municipal de limpeza.
Segundo a organización sindical, detectaríanse varias irregularidades nas condicións de traballo do persoal, entre elas a realización de quendas de ata 12 días consecutivos sen respectar o descanso semanal mínimo legal. Tamén sinalan unha posible sobrecarga de xornada, ao prever 239 días de traballo en só 9 meses, unha cifra que, segundo indican, superaría o máximo anual permitido.
Outra das cuestións denunciadas é a imposición do cuadrante laboral de forma unilateral por parte da Alcaldía, sen negociación coa representación das persoas traballadoras, algo que CCOO considera contrario á normativa vixente.
Ante esta situación, o sindicato solicita a intervención urxente da Inspección de Traballo para investigar os feitos, corrixir as posibles irregularidades e, se procede, depurar responsabilidades.