Celanova acolle esta semana un ciclo formativo gratuíto sobre finanzas

OurenseXa
A primeira sesión terá lugar o mércores na Aula CeMIT
mobil-ordenador-tecnoloxia
13 Jun 2026

A Aula CeMIT do Concello de Celanova acollerá o ciclo formativo “Finanzas para Todos”, unha iniciativa impartida polo Banco de España no marco do seu programa de educación financeira. A actividade consta de tres sesións cun total de 7,5 horas de formación práctica e gratuíta dirixida á cidadanía.

O obxectivo destas xornadas é ofrecer coñecementos e ferramentas que permitan tomar decisións económicas máis informadas no día a día, mellorar a saúde financeira persoal e reforzar a seguridade nas operacións e xestións financeiras.

A primeira sesión, titulada “Como está a miña saúde financeira? Como me afecta a inflación?”, celebrarase o mércores 17 de xuño ás 17:30 horas. Durante esta charla abordarase o diagnóstico e a planificación das finanzas persoais en tempos de incerteza.

A segunda sesión terá lugar o xoves 18 de xuño ás 10:30 horas e centrarase en consellos prácticos sobre contas, tarxetas e outras formas electrónicas de pago. Tamén se tratarán cuestións relacionadas co financiamento de compras e coa sinatura ou renegociación de hipotecas.

Por último, o xoves 25 de xuño ás 16:30 horas desenvolverase a terceira sesión, dedicada á banca en liña, ao comercio electrónico e a Bizum, con especial atención á protección fronte á ciberdelincuencia e ás fraudes nas operacións financeiras cotiás.

As persoas interesadas en participar deberán realizar inscrición previa na Aula CeMIT do Concello de Celanova, situada no Parque das Triguerizas, ou chamando ao teléfono 988 431 604.

0.13410091400146