Celanova acolle este venres a estrea nacional da obra ‘O Proceso’

O Auditorio Ilduara de Celanova acollerá este venres, 7 de febreiro, a estrea da obra “O Proceso”, de Malasombra Produccións, escrita e dirixida por Cándido Pazó. Esta peza teatral ten a súa razón de ser no proceso xudicial iniciado contra Manuel Curros Enríquez en 1880 logo da publicación de “Aires da miña terra” e do que finalmente foi absolto.
Cándido Pazó, autor e director da obra, cualificouna durante a presentación de “propicia, simpática, amena e didáctica dunha figura clave que debe ser revisitada”, poñendo o aceno no esforzo do elenco en “retratar a fala ourensá”.
Protagonizada por Jouse García, Marcos Orsi, Paula Pier e Xoque Carbajal, a función terá lugar ás 20.00 horas.