Celanova acolle unha nova edición do Curso de Comunicación Audiovisual centrada na diversidade creativa galega

A Fundación Carlos Casares organiza entre os días 6 e 10 de xullo a vixésimo segunda edición do Curso de Comunicación Audiovisual de Celanova (CeMAC), unha iniciativa integrada na oferta de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo a través da Cátedra Carlos Casares.
Desde o ano 2004, a entidade promove esta proposta formativa que converte cada verán a vila de Celanova nun espazo de encontro para profesionais do sector audiovisual e persoas interesadas neste ámbito. O curso está aberto tanto a alumnado universitario como ao público xeral, xa que non existen limitacións para a participación.
Nesta edición, o curso desenvolverase baixo o título 'Audiovisual galego. Diversidade creativa'. O director do CeMAC, Paulino Pérez Feijoo, pertencente á Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, apostou por reunir distintos perfís profesionais, tanto artísticos como técnicos, vinculados a producións audiovisuais recentes.
Ao longo das xornadas abordaranse experiencias relacionadas con películas, series e curtametraxes como 'Punto Nemo', 'Así chegou a noite', 'Leo&Lou', 'Bispos', 'Alucinema' ou 'Pura'.
A programación contará coa participación de profesionais vinculados a distintos ámbitos do sector audiovisual. Entre eles figuran nomes relacionados coa interpretación, como Felipe Pizarán ou Raquel Meleiro; coa produción, como Alba Gallego ou Rocío Casal; coa dirección e guión, como Carlos Solano; coa distribución, como Milo Baños; ou coa comunicación, como Julia Sánchez.
A clausura contará ademais coa intervención de Álvaro Augustin, director xeral de Telecinco Cinema.
Xunto ás sesións centradas nas producións audiovisuais, a programación inclúe tamén unha clase maxistral sobre dirección de actores e actrices que será impartida por Raquel Meleiro e Paulino Pérez Feijoo.
O curso incorporarase ademais á programación cultural prevista na vila a través da colaboración co Concello de Celanova. Neste marco desenvolveranse distintas actividades complementarias abertas ao público.
Entre elas figura a presentación do libro 'Viaje cinematográfico por Galicia. Una retrospectiva emocional (1896-1939)', de Emilio Carlos García, prevista para o día 6 de xullo ás 19.30 horas nos xardíns do hotel Acouga.
Tamén está programada a inauguración da exposición 'Carlos Casares e a fotografía', que terá lugar o martes 7 de xullo ás 19.30 horas no claustro do mosteiro.
A programación cultural completarase co concerto do grupo 'Falling', integrado parcialmente por alumnado da Universidade de Vigo, que actuará na noite do xoves 9 de xullo.