Celanova acollerá un curso de competencias dixitais para nenos de 9 a 12 anos a partir de outubro

A aula CeMIT de Celanova, situada no Parque das Trigueirizas, porá en marcha o vindeiro xoves 8 de outubro un novo curso de competencias dixitais dirixido a nenos e nenas de entre 9 e 12 anos, enmarcado na programación do curso escolar 2026/2027.
A actividade, que se desenvolverá todos os xoves de 16.00 a 18.00 horas, propón un espazo pensado para que os máis pequenos se familiaricen co uso do ordenador e descubran distintas ferramentas dixitais de forma práctica e divertida, combinando a aprendizaxe co xogo e a creación de contidos propios.
O programa formativo abordará varios bloques de contidos: a creación de contidos dixitais, a información e alfabetización dixital, a resolución de problemas relacionados coas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), a comunicación a través de medios dixitais e a seguridade na rede, un aspecto cada vez máis relevante na educación dos menores que comezan a utilizar dispositivos electrónicos.
Quen estea interesado en inscribir aos seus fillos ou fillas pode formalizar a solicitude chamando ao teléfono 988 43 16 04.
A iniciativa enmárcase dentro da rede de aulas CeMIT (Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica), que conta coa organización e colaboración da Xunta de Galicia e o Concello de Celanova.