Celanova acollerá un obradoiro de tecnoloxía para deseñar unha casa sostible e eficiente

Celanova será escenario dun obradoiro educativo centrado no deseño dunha casa sostible e eficiente, no que as persoas participantes traballarán en equipo empregando programación con placas Arduino para crear unha maqueta dun fogar con materiais sinxelos como caixas de zapatos.
Durante a actividade, desenvolveranse distintas funcionalidades aplicadas á maqueta, entre elas o acendido automático de luces, a apertura de accesos e a incorporación de sistemas de alarma de seguridade.
O obradoiro estará dividido por idades. O grupo de 9 a 11 anos participará o 2 de xullo, mentres que o de 12 a 16 anos o fará o 3 de xullo. En ambos casos, o horario será de 10:00 a 14:00 horas.
A actividade desenvolverase na Aula CeMIT de Celanova e será totalmente gratuíta, aínda que con prazas limitadas. As inscricións poden realizarse no teléfono 988 431 604.