Celanova adapta os seus espazos culturais ao horario de inverno a partir de outubro

OurenseXa
A programación de outono mantén as visitas guiadas e incorpora unha proposta cultural para pequenos grupos pola vila
Torre de Vilanova dos Infantes
3 Oct 2026

A chegada de outubro trae consigo o cambio ao horario de inverno nos espazos culturais atendidos por persoal da Fundación Curros Enríquez, entre eles a Casa dos Poetas e a Torre da Homenaxe de Vilanova dos Infantes.

A Casa dos Poetas poderá visitarse de martes a venres, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas, mentres que os sábados abrirá de 11:00 a 14:00 horas.

Pola súa banda, a Torre medieval de Vilanova dos Infantes estará aberta os sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 horas. Desde este espazo partirán tamén as visitas guiadas polo conxunto medieval da vila, que ademais do acceso á torre inclúen un percorrido polas súas rúas ata a Cova de San Vivián e a sala etnográfica dos zapateiros.

Estas visitas realizaranse nos días de apertura da torre ás 11:00 e ás 16:00 horas. A Fundación Curros Enríquez recomenda facer reserva previa no teléfono 646 026 421, especialmente ante a posibilidade de que se produzan cambios que afecten ao servizo.

A programación inclúe igualmente as visitas á Torre das Campás, que poderán realizarse de mércores a venres previa reserva no mesmo número de teléfono. Tamén se manteñen as visitas ao Mosteiro de San Salvador, organizadas polo Concello de Celanova e con saída desde a oficina de turismo.

Como novidade da programación de outono, a Fundación Curros Enríquez manterá a actividade "Visita Cultural por Celanova", neste caso destinada a pequenos grupos dun mínimo de dez persoas e previa reserva.

A proposta consiste nun percorrido pola vila no que se abordarán aspectos relacionados coa literatura, a historia, o cine e a arquitectura. O itinerario incluirá a visita á Casa dos Poetas e o acompañamento polos espazos de uso civil do mosteiro que estean dispoñibles en cada xornada.

Entre os lugares que poderán formar parte do percorrido atópanse o claustro do IES Celanova e a súa biblioteca, a Torre das Campás, a lareira do mosteiro e a aula na que se rodou a serie 'A desorde que deixas'. A selección dependerá dos espazos que teñan acceso dispoñible en cada día.

0.16384792327881