Celanova amplía os horarios de visitas dos principais puntos de interese turístico durante a Semana Santa

OurenseXa
A Torre da Homenaxe e a Casa dos Poetas abrirán durante as vacacións en horario de mañá e de tarde, e tamén amplíanse as visitas guiadas ao Mosteiro de San Salvador
Torre de Vilanova dos Infantes
Torre de Vilanova dos Infantes
12 Apr 2025

A vila de Celanova recibe en Semana Santa numerosos visitantes que se achegan para coñecer o seu rico patrimonio artístico, ademais de participar nas celebracións relixiosas que nestas datas teñen lugar en torno ao Mosteiro de San Rosendo. Con este motivo, o Concello de Celanova, en colaboración coa Fundación Curros Enríquez, informa da ampliación dos horarios de visita nos principais puntos de interese turístico.

A Torre da Homenaxe, en Vilanova dos Infantes, estará aberta ao público os sábados, domingos e festivos de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas. Ademais, será posible realizar un paseo guiado polo núcleo da vila e acceder á Cova de San Vivián nas visitas guiadas que parten da torre ás 10.30 horas e ás 18.30 horas.

A Casa dos Poetas manterá o seu horario habitual para visitas por libre: o sábado, de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas, e o martes e mércores, de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.

As visitas guiadas ao Mosteiro de San Salvador, organizadas pola oficina de turismo do Concello de Celanova, tamén amplían o seu horario durante toda a Semana Santa. Nestes días, especialmente nos festivos, o percorrido das visitas poderá verse modificado polos actos litúrxicos que se celebren no interior da igrexa parroquial.

Os horarios das visitas serán todos os días ás 12.30 horas, 16.00 horas e 17.30 horas e, ademais, os días martes 15, mércores 16 e sábado 19, tamén haberá visita ás 11.00 horas.

⚙ Configurar cookies
0.17159700393677