Celanova celebra as Festas da Encarnación cun programa cheo de música e festa 

OurenseXa
A celebración chega este ano con novas propostas para dinamizar a tradicional Ramallosa
festas-da-encarnacion-celanova
29 Jul 2026

Celanova ultima os detalles para vivir esta fin de semana as Festas da Encarnación, que terán lugar os días 1 e 2 de agosto cun programa que incorpora novidades e que conta coa participación da Asociación Cultural Ramallosa Celanova.

A celebración chega este ano con novas propostas para dinamizar a tradicional Ramallosa, entre elas a incorporación de máis charangas, unha nova modalidade infantil, o impulso dos tradicionais farois e un cambio no horario e localización da entrega de premios, que se celebrará o domingo pola tarde na Alameda.

O sábado 1 de agosto, a programación arrancará ás 10.30 horas cun pasarrúas da Banda de Gaitas do Concello de Celanova. Xa ás 13.00 horas, a Praza do Millo acollerá a actuación da Banda de Gaitas Lembranza Solpor, unha actividade promovida coa colaboración da Asociación Cultural Ramallosa Celanova.

Pola tarde, as rúas da vila volverán encherse de música coa actuación de BCB - Bandiños Band, que percorrerá Celanova entre as 20.30 e as 23.00 horas. Ás 23.00 horas chegará un dos momentos máis esperados das festas coa tradicional Procesión da Ramallosa, que contará coa participación de Os Roquiños, Gárgolas, Zapateiros do Son e Street Band.

A primeira xornada festiva rematará ás 01.30 horas coa actuación das charangas BCB, A Felga e Bandiños Band.

O domingo 2 de agosto, Celanova continuará coa celebración coa procesión e a misa en honra da Virxe da Encarnación, a partir das 12.00 horas. Pola tarde, ás 19.30 horas, terá lugar na Alameda a entrega dos premios da Ramallosa, antes do concerto da Banda de Música Municipal de Celanova, previsto para as 20.00 horas no Claustro Barroco.

As Festas da Encarnación pecharán esta edición ás 21.30 horas na Alameda coa actuación do Trío 3.COM, poñendo o broche final a unha fin de semana de tradición, música e participación veciñal.

0.0831458568573