Celanova clausura con éxito a XXII edición do Curso de Comunicación Audiovisual

Celanova pechou unha nova edición do Curso de Comunicación Audiovisual de Celanova (CeMAC), unha iniciativa formativa promovida pola Fundación Carlos Casares e a Universidade de Vigo que, ao longo dunha semana, converteu a vila nun punto de encontro para profesionais e persoas interesadas no sector audiovisual.
O Concello de Celanova despediu ao alumnado participante no curso, desenvolvido entre os días 6 e 10 de xullo baixo o título "Audiovisual galego. Diversidade creativa", e destacou o éxito dunha programación que combinou formación especializada con actividades culturais abertas á cidadanía.
O CeMAC, que alcanza este ano a súa vixésimo segunda edición, forma parte da oferta de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo a través da Cátedra Carlos Casares e conta coa colaboración do Concello de Celanova, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia.
Dirixido por Paulino Pérez Feijoo, profesor da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, o curso reuniu profesionais de distintos ámbitos do audiovisual, tanto artísticos como técnicos, para analizar experiencias vinculadas a producións recentes como Punto Nemo, Así chegou a noite, Leo&Lou, Bispos, Alucinema ou Pura.
Na programación participaron profesionais da interpretación, produción, dirección, guión, distribución e comunicación, entre eles Felipe Pizarán, Raquel Meleiro, Alba Gallego, Rocío Casal, Carlos Solano, Milo Baños e Julia Sánchez. A clausura contou coa intervención do director xeral de Telecinco Cinema, Álvaro Augustin.
Ademais das sesións formativas, o curso incluíu unha clase maxistral sobre dirección de actores e actrices impartida por Raquel Meleiro e Paulino Pérez Feijoo.
A iniciativa completouse cun programa cultural aberto ao público que incluíu a presentación do libro Viaje cinematográfico por Galicia. Una retrospectiva emocional (1896-1939), de Emilio Carlos García; o concerto do grupo Falling; e a inauguración da exposición "Carlos Casares e a fotografía", que permanecerá aberta ao público no Claustro Barroco do Mosteiro de Celanova ata finais do mes de agosto.
Desde a súa creación en 2004, o CeMAC consolidouse como unha das principais citas estivais dedicadas ao audiovisual galego, favorecendo o encontro entre profesionais, estudantes e afeccionados ao sector nun espazo de reflexión, formación e intercambio de experiencias.