Celanova despide con éxito o Festival Abanea

A Praza Maior de Celanova converteuse este domingo, 12 de xullo, no escenario da clausura do Festival Abanea, unha xornada que reuniu numeroso público para gozar dunha proposta centrada na danza e no movemento contemporáneo.
O Concello de Celanova agradeceu a participación dos artistas Rolando Salamé, Martín Blanco e Elvi Balboa, así como a asistencia de todas as persoas que se achegaron para compartir o espectáculo e contribuír ao éxito da cita.
A programación comezou cun Happening Abanea Canle na Praza Maior, seguido da recepción oficial do festival. A partir das 21.00 horas desenvolveuse a proposta artística principal na pista de baile, onde os tres creadores ofreceron unha actuación que serviu de peche desta edición.
A xornada completouse coa actividade Mediación Abanea, integrada dentro da programación do festival, reafirmando a aposta de Celanova por achegar ao público a creación contemporánea a través da danza e das artes do movemento.