Celanova homenaxea a Xosé Luís Méndez Ferrín polo 50º aniversario de “Con pólvora e magnolias” en Celanova

Celanova acollerá este xoves, 18 de xuño, ás 20:00 horas, un acto de homenaxe ao escritor Xosé Luís Méndez Ferrín con motivo do 50º aniversario da publicación da súa obra “Con pólvora e magnolias”.
Durante o evento presentarase unha edición facsímil do libro, publicada pola editorial Alvarellos, nun proxecto no que participan a Universidade de Vigo, a Fundación Rosalía de Castro e a Fundación Curros Enríquez, entidades coas que o autor mantén unha estreita vinculación.
O acto, que supón tamén un recoñecemento ao escritor de Vilanova dos Infantes, contará coa intervención de distintas persoas representantes do ámbito cultural e institucional. Entre elas estarán Antonio Puga Rodríguez, presidente da Fundación Curros Enríquez e alcalde de Celanova; Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro; e a filóloga e veciña da localidade Alba Mourillós.
A celebración pretende poñer en valor a figura de Méndez Ferrín, considerado unha das referencias literarias máis destacadas da comarca de Celanova.