Celanova ofrecerá un obradoiro de caricaturas en dúas xornadas de agosto

O Concello de Celanova continúa reforzando a súa programación estival cun obradoiro de caricaturas que se celebrará os días 6 e 13 de agosto na Praza Maior. A proposta busca ofrecer unha actividade creativa e participativa para veciñanza e visitantes durante as mañás do verán.
As sesións desenvolveranse entre as 11.00 e as 13.00 horas, período no que todas as persoas interesadas poderán obter unha caricatura personalizada realizada no momento por un prezo de 3 euros.
O obradoiro estará impartido por Kattharina Estudio de Arte, que achegará esta disciplina artística ao público de todas as idades a través de retratos personalizados elaborados en directo.
Con esta iniciativa, o Concello aposta por dinamizar o centro histórico e ampliar a oferta de lecer cultural durante o mes de agosto, promovendo actividades ao aire libre que combinan creatividade, entretemento e participación cidadá.