Celanova pon en funcionamento un novo espazo de ocio interxeracional nas Traseiras

O Concello de Celanova puxo en marcha un novo espazo de ocio interxeracional situado na zona das Traseiras, nas proximidades da Praza Maior. A nova infraestrutura foi deseñada para dar resposta ás necesidades de distintos sectores da poboación, desde a infancia ata as persoas maiores, ademais de reservar unha área específica para mascotas.
A inauguración oficial dunha das instalacións correu a cargo dos participantes de maior idade do Campamento de Conciliación Verán 2026, organizado polo Concello entre os meses de xuño e setembro. Os nenos e nenas estrearon a nova pista multideporte, preparada para a práctica de disciplinas como fútbol, baloncesto ou voleibol.
O alcalde de Celanova, Antonio Puga, explicou que esta actuación nace coa intención de crear un espazo próximo e accesible para diferentes grupos de idade que ata o momento non contaban cunha oferta destas características. O rexedor destacou ademais o carácter polivalente da nova instalación e a súa localización, subliñando que se incorpora á oferta deportiva xa existente na vila, na que se inclúen modalidades como tenis, baloncesto, pádel ou fútbol.
A pista multideporte forma parte dunha actuación máis ampla integrada por tres áreas diferenciadas. Xunto ao espazo deportivo, a actuación contempla unha zona destinada ás persoas maiores, que irá incorporando novo equipamento nos próximos meses. Segundo explicou Antonio Puga, o obxectivo é crear un espazo pensado para este colectivo "para que as persoas maiores poidan ter un espazo propio para eles, para facer exercicio, charlar e compartir momentos".
Pola súa banda, a terceira zona está reservada ás mascotas e aos seus propietarios. Esta área contará cun recinto delimitado con dobre porta de acceso e estará equipada con puntos de auga e papeleiras. En relación co seu uso e mantemento, o rexedor apelou tamén ao civismo e á responsabilidade da veciñanza para garantir a correcta conservación das instalacións.