Celanova presenta o programa das Festas da Encarnación

O Concello de Celanova presentou a programación das Festas da Encarnación, que se celebrarán os próximos días 1 e 2 de agosto e que este ano contarán coa colaboración da nova Asociación Cultural Ramallosa Celanova.
O cartel anunciador desta edición é obra de Andrea Rodríguez González, veciña de Ourense con raíces en Vilanova dos Infantes, tras resultar gañadora do concurso correspondente.
Entre as novidades da Ramallosa 2026 atópase a incorporación de máis charangas ao programa, unha nova modalidade infantil, o impulso dos farois tradicionais e o cambio de localización e horario da entrega de premios, que pasará a celebrarse o domingo pola tarde.
A programación dará comezo o sábado 1 de agosto ás 10.30 horas cun pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas do Concello de Celanova.
Ás 13.00 horas, na Praza do Millo, terá lugar a actuación da Banda de Gaitas Lembranza Solpor, unha actividade subvencionada pola Asociación Cultural Ramallosa Celanova.
Xa pola tarde, entre as 20.30 e as 23.00 horas, as rúas da vila acollerán a actuación de BCB - Bandiños Band, tamén coa colaboración da asociación cultural.
O momento central da xornada chegará ás 23.00 horas coa Procesión da Ramallosa, que contará coa participación de Os Roquiños, Gárgolas, Zapateiros do Son e Street Band.
A programación do sábado pecharase ás 01.30 horas coa actuación das charangas BCB, A Felga e Bandiños Band, novamente subvencionada pola Asociación Cultural Ramallosa Celanova.
O domingo 2 de agosto, os actos comezarán ás 12.00 horas coa procesión e a misa na honra da Virxe da Encarnación.
Pola tarde, ás 19.30 horas, a Alameda acollerá a entrega dos premios da Ramallosa. Posteriormente, ás 20.00 horas, o Claustro Barroco será escenario do concerto da Banda de Música Municipal de Celanova.
A xornada festiva finalizará ás 21.30 horas na Alameda coa actuación do Trío 3.COM.